Redacción •  Galicia •  23/11/2020

CCOO Galicia diríxese ás patronais das residencias para mellorar as condicións laborais das case 15.000 persoas que traballan no sector

O sindicato achegoulle o estudo que analiza a situación do sector da atención á dependencia a nivel galego, no que se detallan as carencias de persoal, recursos e condicións de traballo.

CCOO Galicia diríxese ás patronais das residencias para mellorar as condicións laborais das case 15.000 persoas que traballan no sector

Comisións Obreiras (CCOO) dirixiuse ás patronais das residencias de maiores privadas, Agarte e Acolle, para expoñer a necesidade dun marco de diálogo social tripartito que permita mellorar as condicións laborais das case 15.000 persoas que traballan no sector. O sindicato apoiou a súa petición no estudo presentado esta mesma semana, ‘O sistema de atención á dependencia en Galicia: prestacións e emprego’, do que lles achegou copia ás propias asociacións empresariais para facelas partícipes das conclusións.

Segundo o estudo de Comisións, a maior parte (77,44 %) das case vinte mil prazas residenciais con que conta Galicia están en mans privadas. Actualmente, hai unhas 15 400 prazas privadas, fronte a 4487 públicas. De feito, unha única empresa privada, DomusVi, xestiona tantos centros residenciais (26) como a Xunta de Galicia.

O responsable de residencias de CCOO-Sanidade, Alfonso García, sinala como principal problema destes centros a excesiva carga de traballo. Isto débese «tanto á falta de persoal —eiva non corrixida malia o efecto da pandemia— como á súa mala distribución», o que tamén ten «repercusións negativas na saúde dos traballadores e das traballadoras».

En opinión de García, é «urxente» ampliar os cadros de persoal das residencias, «especialmente o dedicado á atención directa das persoas usuarias» —xerocultoras—. Tamén instou a revisar o modelo de contratación, xa que se abusa dos contratos temporais e das xornadas parciais, o que converte o sector «nun nicho de precariedade laboral».

Por último, o sindicalista de CCOO chama a atención sobre «a falta de investimento nas instalacións», que en moitos casos presentan «notables barreiras arquitectónicas» ou carecen de elementos «esenciais» como camas mecanizadas, entre outros.

DIÁLOGO SOCIAL TRIPARTITO

CCOO coida «imprescindible» un plan de choque para reforzar o sistema de atención á dependencia en Galicia. Para esta finalidade, o sindicato pide abrir un marco de diálogo social tripartito no cal debater as medidas que de deben tomar. Desde Comisións salientan que a crise da covid-19 sacou á luz as debilidades do sistema en Galicia, pero tamén puxo en evidencia a importancia de coidar as persoas en situación de dependencia.


CCOO Galicia /