BNG denuncia que o Goberno de Rueda deixou sen gastar 194 M€ no programa para facilitar o acceso a unha vivenda
Iago Suárez acusa o PP de mentirlle aos galegos e ás galegas anunciando 4.000 vivendas cando a realidade é que en 17 anos construíronse pouco máis da metade.
“Especular con dereitos fundamentais para que uns poucos leven millóns de euros limpos de po e palla, así é a política do Partido Popular”, critica.

O deputado do BNG Iago Suárez acusou o Goberno de Rueda de mentirlle aos galegos e ás galegas en materia de vivenda e subliñou que, fronte a propaganda, a realidade é que o PP non é capaz nin de executar os investimentos que anuncia cada ano nos orzamentos da Xunta. “A vivenda é un exemplo de libro das políticas do PP, que mentres a maioría sofre especula con dereitos fundamentais para que uns poucos leven millóns de euros limpos de pó e palla”, denunciou.
Segundo denunciou Suárez, entre 2019 e 2025 o Goberno do PP na Xunta deixou sen investir máis de 194 millóns de euros do Programa de Acceso da Vivenda, un 64 % da cantidade orzada “nunha Galiza na que miles de mozos e mozas e tamén de familias teñen imposible pagar un alugueiro ou mercar un piso porque os prezos están desorbitados”.
Os datos oficiais da propia Xunta revelan ademais que só o ano pasado quedaron no caixón, sen gastar, 28,4 millóns deste programa, polo que “un 46 % do que anunciaron quedou en nada”, criticou Suárez, para advertir que “todo apunta a que este despropósito se pode repetir nuns orzamentos de 2026, posto que no primeiro trimestre do ano o nivel de execución dos 92,8 M€ previstos foi cero”.
“Cantas familias teñen que seguir sufrindo este problema, cantas mozas e mozos teñen que seguir sen poder emanciparse e construír proxectos de vida independentes para que o Goberno do PP deixe de botar balóns fora e se poña a traballar en serio?”, preguntou o portavoz de Mocidade do BNG no Parlamento.
Destacou, neste punto, que en Galiza hai actualmente 35.280 persoas inscritas no rexistro de demandantes de vivenda protexida, galegas e galegos “desesperados” porque non poden acceder a unha residencia. E mentres, criticou, Rueda repite “de maneira porfiosa” a “mentira de que Galiza vai ter 4.000 novas vivendas construídas en 2008”.
Un dato que, xunto á falta de execución orzamentaria, encaixa na “política de propaganda” do PP e que, segundo argumentou, volve desmontar a realidade, porque entre os anos 2009 e 2023 a Xunta entregou só 2.403 vivendas públicas, unha media de 170 por ano.
“Após tantos anos de políticas dirixidas aos especuladores e non á maioría social, o Goberno de Rueda encóntrase cun problema enorme que non sabe resolver a pesar de ter as competencias exclusivas”, reprobou, criticando neste punto a paralización durante anos da vivenda protexida e pública, as reformas fiscais e axudas que benefician a grandes rendistas, a negativa a limitar as vivendas de uso turístico —mesmo as ilegais– ou o bloqueo á declaración de zonas de mercado tensionado.
É por iso que Iago Suárez emprazou o PP na Xunta a pór en marcha algunhas das medidas que o BNG vén poñendo enriba da mesa desde hai tempo para facer medrar o parque público de vivenda protexida a curto e medio prazo, “porque hai moita xente que non pode agardar 10 ou 15 anos para ter acceso a un piso”.
Compra masiva ou protección permanente, propostas do BNG
Medidas como a protección permanente de toda a vivenda protexida para poñer fin a especulación na compravenda de inmobles protexidos. “Hoxe un promotor pode recibir até 40.000 euros para construír unha vivenda protexida e en 15 anos estar no mercado libre a un prezo imposible”, denunciou.
A folla de ruta do BNG pasa tamén por exercer o dereito de tanteo e retracto para comprar toda a vivenda protexida que se venda. Tal e como subliñou Iago Suárez,nos últimos anos vendéronse a prezo libre de mercado 6.992 vivendas protexidas “que hoxe poderían ser públicas e estar a disposición da xente a prezo taxado”. Ademais, engadiu, nos próximos anos Galiza pode perder para o parque público 35.000 vivendas protexidas.
Un plan de compra masiva de vivenda para aluguer, 4.000 nun prazo de cinco anos, é outra das propostas que fai o BNG, tendo en conta que “hai máis de 90.000 pisos baleiros só nas grandes cidades e fondos do Estado para mercalos” e que é “unha alternativa máis rápida e sostible que limitarse a construír”.
“O que queremos é que o goberno galego goberne, porque o conxunto do pobo galego precisa solucións para a crise da vivenda e precísaas xa, non dentro de cinco, dez ou quince anos”, concluíu o deputado nacionalista.
Relacionado
Información en la que puede confiar:
Reuters, la división de noticias y medios de comunicación de Thomson Reuters, es el mayor proveedor de noticias multimedia del mundo, con un alcance diario de miles de millones de personas en todo el mundo. Suscríbase a nuestro boletín informativo diario gratuito: thomson@reutersmarkets.com
