Ernesto Ilkermn - Roberto Solano •  Galicia •  17/02/2017

Concentración en defensa do ensino público

Diferentes colectivos como Erguer e Foanpas Vigo apoiaron a concentración do estudantado na tarde do 16 de febreiro, un dos eventos que na xornada de folga tivo lugar en Vigo, onde pola mañán se manifestara o estudantado galego en pé.

Concentración en defensa do ensino público

 Ao longo da concentración, entonouse o «Non queremos esta lei de educación e por iso é que berramos non a LOMCE, LOMCE non», que está a convertirse nun dos lemas das concentracións de estudantes. Antes da queima do meco de Feijóo, ao que lle ladrara ate un can que pasaba por alí, leuse o comunicado seguinte:

«A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público está comprometida en continuar na loita contra a LOMCE até a súa derrogación definitiva e en paralizar os recortes que están desmantelando o ensino público. Grazas ás permanentes e importantes mobilizacións e folgas que levamos a cabo, fomos capaces de paralizar a aplicación das reválidas en 6º de Primaria, 4º de ESO e 2º de Bacharelato. Mais temos presente que a LOMCE segue vixente e as reválidas adiadas, non derrogadas, até coñecer o resultado do “pacto pola educación”.
O PP continúa obstinado na súa aplicación, malia o rexeitamento maioritario e a decisión do Congreso dos Deputados de paralizala. Consideramos, por tanto, que é necesario seguir na loita como única maneira de conseguir a derrogación definitiva da LOMCE, a desaparición das reválidas, a paralización dos recortes no ensino público, a restitución de todos os dereitos que lle foron arrebatados ao profesorado e a mellora do ensino público.
 
Temos razóns mais que sobradas para denunciar o engano e a farsa que supón o punto de arranque do chamado “pacto pola educación” proposto polo PP, cuxo obxectivo non é outro que consolidar os principios e fundamentos da LOMCE, revestidos agora da auréola do “pacto pola educación”.
 
O punto de partida, a concepción do mesmo, o procedemento e os obxectivos que persegue procuran un modelo educativo neoliberal, confesional, cada vez máis españolizado e profundamente mercantilizado, no que a relixión seguirá sendo materia curricular. A privatización continuará mediante os concertos en todos os ámbitos educativos e o ensino será cada vez máis elitista e segregador. Hai que desenmascarar todo esta armazón propagandística que o único que pretende é facer máis presentábel socialmente a aplicación da LOMCE.
 
Calquera acordo educativo ten que partir, como mínimo, dun amplo debate social e de participación de todas as organizacións e entidades, tanto sociais como políticas, sindicais e educativas.
 
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público exixe: 
 
A derrogación da LOMCE e das súas reválidas e a elaboración dunha lei galega de educación.
A defensa inequívoca do ensino público, galego, laico, coeducativo e gratuíto.
O recoñecemento e asunción da pluralidade nacional, cultural e lingüística do Estado para poder conformar un sistema educativo galego, enraizado na nosa realidade social, cultural, histórica e lingüística.
Compromiso de dedicar o 7% do PIB á Educación.
A eliminación inmediata das subvencións aos centros que segregan alumnado por razón de xénero, co obxectivo de suprimir os concertos no ensino non obrigatorio e continuar co resto dos concertos educativos para conseguir unha única rede, a pública.
Redución das ratios máximas do alumnado por aula: 15 en educación infantil e 20 no restos dos niveis educativos e a redución destas cando se escolarice alumnado con necesidades especiais.
Derrogación do Decreto 79/2010 do plurilingüismo e elaboración dunha nova norma que garanta a vehiculización do ensino en galego para a plena normalización lingüística.
Eliminación da materia de Relixión do currículo escolar.
Restitución de todos os dereitos arrebatados ao profesorado (horario, salarios etc.)
Dotación de suficiente profesorado en todos os niveis educativos que garantan a atención á diversidade e a unha educación adecuada, co persoal necesario, ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. Dotación doutro persoal necesario nos centros (persoal coidador, sanitario, educador social, etc.)
Oferta ampla de emprego e supresión das taxas de reposición para dar resposta ás necesidades de profesorado dos centros e rematar coa precariedade e temporalidade do profesorado.
Obrigatoriedade de dotar todos os centros públicos de persoal administrativo.
Garantirase a gratuidade dos libros de texto e do material didáctico na educación infantil e obrigatoria e do servizo de comedor escolar.
Xestión democrática dos centros, ampliación e mellora da participación do profesorado, elección democrática dos cargos directivos, traslado das competencias pedagóxicas ao claustro e facer do Consello Escolar un órgano colexiado de participación da comunidade escolar. En fin, democratizar a escola e xestionala coa participación e corresponsabilidade de todos e todas.
Incremento de bolsas ao estudo e das súas contías. A carencia de recursos non debe comportar a imposibilidade de estudar.
A modificación lexislativa necesaria para que as ensinanzas artísticas superiores poidan adscribirse á universidade.
Elaboración dun plan específico de apoio ao ensino no rural.
Un plan de actuación integral nos centros educativos, co obxecto de solucionar todas as carencias e necesidades, e dotalos de todas as dependencias e instalacións precisas, así como tomar a medidas necesarias para evitar calquera risco na saúde da comunidade escolar (amianto, radon, etc.)»
 

educación /  ensino /  estudiantes /  Galicia /