Redacción •  Galicia •  06/10/2026

«Esquerda Unida: «É o momento de construír unha Fronte Ampla para gañar e transformar Galicia»

EU chama a todas as forzas progresistas, organizacións sociais e persoas comprometidas co cambio a construír un espazo común desde o respecto mutuo, a pluralidade e a cooperación.

«Esquerda Unida: «É o momento de construír unha Fronte Ampla para gañar e transformar Galicia»

Esquerda Unida Galicia reafirma a súa aposta pola unidade ante o novo escenario político. A organización considera que é o momento de dar un paso adiante e construír unha Fronte Ampla capaz de mobilizar e converter a maioría social progresista nunha maioría política.

«A unidade non comeza hoxe. Esquerda Unida leva anos traballando por ela en Galicia, no conxunto do Estado e en cada concello. Celebramos que cada vez máis organizacións compartamos ese obxectivo. Agora toca construílo entre todas», sinala Lino Costas

Para Esquerda Unida, a Fronte Ampla non debe ser a iniciativa dunha organización á que as demais se incorporen, senón un proxecto común construído entre iguais. Un espazo no que cada forza aporte a súa experiencia, implantación e ideas, e no que tamén participe a sociedade civil organizada.

EU defende que a prioridade debe estar agora en acordar un programa ambicioso e mecanismos democráticos que permitan construír unha candidatura plural, recoñecible e capaz de sumar máis alá das organizacións que a integren.

«Temos unha oportunidade para construír a esquerda que dea esperanza a quen quere máis dereitos, mellores servizos públicos, vivenda accesible, emprego digno e unha Galicia con futuro. Queremos que toda esa xente se recoñeza nesta Fronte Ampla, participe nela e a leve co seu voto ás institucións.»

Dende o respecto mutuo, a pluralidade e a cooperación, Esquerda Unida sempre traballa pola unidade. É o momento de construír a Fronte Ampla.”


Frente Amplio /