La Tienda Republicana

¡Mulleres en marcha ata que todas sexamos libres!

Galiza sae as rúas para eliminar a violencia contra as mulleres

O 25N foi tamén un black friday. Un venres de difuntas. Polas que xa non poden estar cas que saíron ás rúas da cidade a reclamar o fin da violencia contra todas as mulleres. Arredor dun milleiro de persoas apoiaron en Vigo a reivindicación da igualdade de xénero; do fin da violencia machista; da loita feminista; da recuperación da memoria das asasinadas polo machismo e o fascismo; do dereito a vivir en paz. De todas.
 
Ao remate da concentración léronse textos e poesías entre unha gran emoción na rúa peatonal de Vigo. Pois moitas das que alí estaban sabían por experiencia propia do que se falaba. Sobrevivir ao malos tratos, superar unha crise de parella, ou simplemente poder ir pola rúa sen medo é algo que poucas poden facer a día de hoxe.
 
Ademais de en Vigo tiveron lugar manifestacións e concentracións en contra da violencia machista nas principais cidades e vilas do país.
 
Cómpre que todas e todos esteamos non só no día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, senón cada día, na loita continua por un mundo máis xusto, no que nin a relixión nin o estado impoñan normas que discriminan, que crean sociedades machistas, patriarcais e que derivan en mortas. 
 
A manifestación contou co apoio da totalidade dos partidos políticos da esquerda, sindicatos, movementos sociais, e sobre todo moita xente que recordou nun black friday a negrura da violencia de xénero.
 
 
Algúns dos textos lidos en Vigo foron os que se reproducen a continuación.
 
 
COMUNICADO DA MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES
 
Un 25 de novembro máis de loita contra a violencia machista. Contra a violencia que sufrimos as mulleres polo feito de sermos mulleres. Van 17 anos desde que a Asemblea Xeral das Nacións Unidas designase o 25 de novembro como o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, e non nos cansamos, non esmorecemos ante os ataques daqueles que se senten ofendidos. Daqueles que deslixitimando o discurso feminista son cómplices de cada asasinato, de cada agresión, de cada violación. Esta complicidade é nauseabunda. 
 
Estannos asasinando ¿Quén debe estar ofendida? Porque non son feitos illados, noticias breves da sección de sucesos dos informativos, senón a consecuencia do sistema de valores que avala o dominio dun sexo que se afirma sobre outro que lle pertence.
 
Minutos de silencio no Parlamento, diante dos Concellos, minutos de silencio institucionais que lavan a cara cando non poden mirar para outro lado porque hai un cadáver ¡Hipócritas!: a quen non interesa reflexionar sobre as causas do maltrato. Estas accións son un insulto cando o resto do tempo nin existimos. Somos un mero protocolo de actuación ante a noticia dunha asasinada, dunha muller, de varias, de moitas. 
 
Desculpade as molestias; estannos asasinando. Desculpade o noso terror; estannos violando. Desculpade as nosas peticións; estannos empobrecendo, ninguneando, deslexitimando, sometendo. Desculpade ¡Queremos ser e estar! Non só nos minutos de silencio; neses non queremos estar. O propio sistema encárgase de pechar o ciclo, sen afondar máis alá: castigar ao asasino para desculpar a falta de interese na igualdade é o único que se ofrece. No embargantes a xustiza non é máis que un remendo. Non é posible erradicar a violencia machista soamente con medidas punitivas. Disimulan para salvar a ideoloxía dominante, a ideoloxía das relacións de poder que nos fai tan útiles para o sistema capitalista:
 
En primeiro lugar fan que asumamos con naturalidade que unhas persoas nacen con privilexios sobre outras ou cando menos con distintos papeis asignados en función do seu sexo e despois en función da súa clase social, raza, etnia, cor de pel, relixión, pais de orixe, identidade sexual, e tantos etcéteras. Normalizamos as inxustizas e os desequilibrios de xeito que se nos presentan como normais e polo tanto non podemos nin debemos mudalas. Seríamos revolucionarias e antisistema.
 
En segundo lugar que o capitalismo nos use as mulleres mercantilizando os nosos corpos, o noso tempo, os nosos desexos, forma parte imprescindible da acumulación de capital en contra dos dereitos sociais ¿Quen coida da vida desenvolvendo traballos non remunerados e polo tanto nunha lóxica do diñeiro sen prestixio social? 
 
¡Rachemos coa cultura da violación! Coa cultura da violencia que pon o foco sobre vítima e poñamos o foco sobre os agresores e a cultura que os incita a cometer os abusos que nos afectan a todas e a cada unha.
 
“Cando agriden a unha nos agriden a todas” non é metafórico, xa que coas agresións preténdese que esteamos pasivas, inanes, temerosas, inseguras e coartar a nosa liberdade. Non. Berramos que a cada agresión levantan a nosa ira. O androcentrismo non vai seguir ocultando a nosa voz. Queremos que as regras de xogo non dependan de se nacemos nenas, nenos ou transxénero. Queremos vivir sen medo. Queremos vivir libres. Querémonos vivas. E para iso precisamos de tornar as regras de xogo capitalista e patriarcal nas que o sistema estanos exterminando, está acabando coas nosas vidas, a nosa economía, a nosa autonomía e a nosa dignidade.
 
Cada xesto machista nesta sociedade e nas nosas vidas significa un paso máis cara outro feminicidio. Freemos o seu avance. Erradiquemos o terrorismo machista para non ter que celebrar días como este. E mentres eso non suceda ¡Seguiremos en marcha ata que todas sexamos libres!”
 
SOLIDARIEDADE COAS MULLERES KURDAS E TURCAS
 
A represión do goberno turco non ten fin e a persecución emprendida en 2015 intensificouse nos últimos meses. As últimas agresións de Ankara golpearon ás militantes feministas que traballan polos dereitos das mulleres e en contra da opresión do estado Turco.
 
En xaneiro de 2016, a policía turca asasinou a tiros ás activistas kurdas Seve Demir, Pakize Nayır y Fatma Uyar. Demir foi unha impulsora da Marcha Mundial das Mulleres no Kurdistán. En abril a mesma policía entrou na sede kurda do KJA de Amedo (Congreso de Mulleres Libres) e ademais de requisar todo o material, detiveron a 6 militantes e encarceraron a 4. A principios de novembro detiveron a 12 parlamentarios e parlamentarias do HDP (Partido Democrático dos Pobos), entre elas, Ayla Akat Ata e Gultan Kisana, dúas mulleres que se dedican á acción política feminista.
 
Nos últimos 15 meses detiveron e torturaron a unhas 100 mulleres kurdas. Tendo como base a resistencia e a organización, as mulleres de Kurdistán seguen en loita, superando cada obstáculo.
Por se isto fose pouco, o 13 de novembro o goberno turco pechou 370 asociacións de mulleres kurdas e turcas coa escusa do estado de emerxencia. Entre elas están: KJA (Congreso de Mulleres Libres), e outras as asociacións de mulleres como VAKAD, Rainbow, Adıyaman, Ceren ou Selis; a casa das mulleres de Muş ou a casa de solidariedade entre mulleres de Bursa Panayır. O goberno de Erdogan aproveitou un encontro da marcha mundial das mulleres de Turquía para pechar estas asociacións.
 
As mulleres viven desde a chegada de Erdogan ao goberno de Turquía unha loita constante contra os recortes dos seus dereitos civís e políticos. O pasado día 22 de novembro as asociacións de mulleres concentráronse diante do Parlamento turco para denunciar os intentos do goberno de lexislar o matrimonio con menores, permitindo que se elimine a violación cando o agresor se case coa menor. Conseguiron gracias a súa mobilización que se paralice o intento de legalizar o matrimonio con menores. Gracias a presión das mobilizacións feministas. Pero tentarán de novo voltar a presentalo ante o Parlamento sen renunciar en ningún momento a abrir a porta a que os abusos sobre as menores sexan legalizados e que os dereitos das mulleres retrocedan décadas.
 
Desde a Marcha Mundial das Mulleres, mobilizadas en Turquía, Kurdistán e toda Europa contra o que está sucedendo, reclamamos ao goberno de Turquía liberar aos cargos electos que foron detidos e que son prisioneiras e prisioneiros políticos do estado turco; que se elimine a lei que suspende actualmente a acción das ONGs e feministas; e a retirada da lei que pretende a legalización do matrimonio con menores. Reclamamos do goberno do estado español o cese das relacións diplomáticas, comerciais e de calquer outro tipo co estado turco e o goberno de Erdogan ata que se restitúa o dereito das mulleres e o pobo turco e kurdo. Ademais esiximos ao estado español que demande da Unión Europea o cese de todos os acordos que mantén con Turquía ata que estes dereitos sexan restituidos.
 
¡Mulleres en marcha ata que todas sexamos libres!
 
 
 
 
 

Añadir nuevo comentario

Comentarios

Plain text

  • No se permiten etiquetas HTML.
  • Las direcciones de las páginas web y las de correo se convierten en enlaces automáticamente.
  • Saltos automáticos de líneas y de párrafos.
CAPTCHA
Esta pregunta es para comprobar si usted es un visitante humano y prevenir envíos de spam automatizado.