Redacción •  Galicia •  18/09/2020

EU reivindica o ferrocarril como medio de transporte público e vertebrador do teritorio

Na actualidade a oferta do ferrocarril en Galicia non serve para dar resposta ás necesidades de mobilidade da clase traballadora cara os seus centros de traballo, lugares de estudo ou cara os seus fogares.

EU reivindica o ferrocarril como medio de transporte público e vertebrador do teritorio

Este ano a Semana europea da mobilidade leva o lema “Por unha mobilidade sen emisións” co obxectivo de chegar ao ano 2050 á emisión cero. Desde Esquerda Unida facemos un chamamento ao compromiso  e vontade das administracións para camiñar cara un modelo de mobilidade capaz de reducir o impacto ecolóxico e no que o transporte público colectivo, eficiente e económico debe ser o piar fundamental.

O planeta esgótase e todas as accións encamiñadas a contribuír na loita contra o cambio climático, son accións necesarias. Por iso nesta semana da mobilidade en Galicia queremos reivindicar ante o seu continuo e acelerado desmantelamento o ferrocarril como medio de transporte  público colectivo e vertebrador do territorio.

Na actualidade a oferta do ferrocarril en Galicia non serve para dar resposta ás necesidades de mobilidade da clase traballadora cara os seus centros de traballo, lugares de estudo ou cara os seus fogares. Un dos exemplos máis evidentes é a case inexistente comunicación entre Monforte de Lemos e as principais cidades galegas, con tan só unha frecuencia diaria no mellor dos casos. Ou tamén as deficientes comunicacións desde Ferrol ou Lugo. No caso da primeira, situada a menos de 60 Km da Coruña, tan só se pode tomar un tren nesa dirección tres veces ao día. Dúas frecuencias no caso de Lugo. Obviamente inservibles se falamos de empregalo para ir a un centro de estudo ou de traballo.

No caso de Ourense, a cidade foi perdendo comunicacións paulatinamente. Nestes momentos a primeira frecuencia dirección Vigo parte ás 12 do mediodía. Resultando de nula utilidade para acudir a facer calquera actividade durante a mañá. Ademais os prezos dos billetes son inviables para moitos petos, chegando a custes de 36 euros ida e volta. Ese, o dos prezos resulta tamén un elemento de necesaria revisión para poder facer do tren un transporte máis accesible á clase traballadora.

Galicia, polo tanto, sitúase na periferia das comunicacións tras moitos anos de desarticulamento interesado dun sistema ferroviario con capacidade de vertebrar o país. Mentres, prométense outras obras demasiado custosas no ambiental e inaccesibles no social. A aposta por un reforzo da mobilidade por estrada e autoestrada como acontece en Galicia, non axuda a camiñar cara o reto medioambiental. Polo que unha verdadeira planificación da mobilidade implicaría unha mellora nas infraestruturas, elemento clave para camiñar cara a proposta europea dunha mobilidade sen emisións.

Nesta Semana europea da mobilidade, Esquerda Unida defende o tren como medio de transporte do futuro e demanda tanto que nos vindeiros orzamentos do Estado contemplen tamén a necesidade de fortalecer a rede pública e as frecuencias do ferrocarril en Galicia, coma o fomento do seu uso por parte da Xunta de Galicia a través das melloras no accesos ás estacións e as comunicacións coas mesmas mediante transporte público.


Esquerda Unida /  ferrocarril /  mobilidade /