Redacción •  Galicia •  14/08/2023

Demandan unha Lei galega do Clima que sexa completa e ambiciosa

  • Amigas da Terra, Greenpeace, Ecoloxistas en Acción e o Observatorio Galego da Acción Climática consideran moi decepcionante o Anteproxecto de Lei do Clima de Galicia que vén de se someter a consulta pública.
  • As citadas organizacións ecoloxistas reclaman, a través de numerosas suxestións remitidas á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, unha Lei do Clima á altura das responsabilidades e capacidades de Galicia na loita contra a emerxencia climática.
Demandan unha Lei galega do Clima que sexa completa e ambiciosa

Amigas da Terra, Greenpeace, Ecoloxistas en Acción e o Observatorio Galego da Acción Climática remitiron numerosas suxestións á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para demandar unha Lei galega do Clima á altura das responsabilidades e capacidades de Galicia na loita contra a emerxencia climática.

Ditas organizacións ecoloxistas alertan que o Anteproxecto de Lei do Clima de Galicia non inclúe obxectivos vinculantes e ambiciosos para a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro. Sinalan que tampouco en materia de enerxía, a pesar de que a súa transformación e consumo é responsábel do 71% das emisións territoriais de Galicia. Ademais, atrasa o horizonte para lograr a neutralidade climática (emisións netas cero) a 2050, cando sería factible atinxila en 2040 ou incluso antes, o que estaría máis en liña co Acordo de París.

Amigas da Terra, Greenpeace, Ecoloxistas en Acción e o Observatorio Galego da Acción Climática denuncian que, na súa versión actual, a Lei do Clima apenas define medidas de recorte das emisións e de adaptación á crise climática por sectores. E que, asemade, ignora ou aborda deficientemente aspectos fundamentais para a transición ecolóxica como a educación ambiental, a fiscalidade verde, a transición xusta ou a participación cidadá. Subliñan que, na realidade, achega poucas novidades á acción climática, entre as que cabería salientar a creación dos orzamentos de carbono e a introducción da perspectiva climática nas políticas públicas.

Aínda estamos a tempo de evitar un quecemento global superior a 1,5 ºC pero para iso cómpre unha redución rápida e drástica das emisións de gases de invernadoiro. Esta década é crucial e Galicia debería diminuír un 65% as súas emisións para 2030 con respecto a 1990.

“É chave aproveitar a Lei do Clima para outorgar un maior peso a fomentar a creación de comunidades enerxéticas a nivel local e acometer reformas de normativas que quedaron obsoletas en materia climática para garantir uns procedementos e un marco normativo favorable ao autoconsumo que permita cumprir coa ambición climática galega”, sinalou Raquel Fernández, voceira de Amigas da Terra.

“Xa estamos sufrindo moitos dos efectos do cambio climático, é tempo de ser valente e lexislar para acadar un futuro o mellor posible. Precisamos dun compromiso real dos nosos políticos e de medidas concretas, non só papel mollado”, declarou Ana Freiría, voceira de Ecoloxistas en Acción.

Moitas suxestións á Lei do Clima de Galicia das devanditas organizacións ecoloxistas insisten na necesidade de democratizar e acelerar a transición enerxética para lograr a tempo e de forma xusta as reducións das emisións necesarias.

“A proposta de Lei do Clima renuncia a introducir medidas que corrixan as eivas sociais e ambientais da política eólica, chave para avanzarmos no recorte das emisións. Cómpre un forte crecemento adicional da potencia eólica en Galicia, pero con menor impacto territorial e maiores beneficios sociais que até hoxe”, afirmou Xosé Veiras, impulsor do Observatorio Galego da Acción Climática.

“Aínda estamos a tempo de termos unha lei do clima consecuente coa emerxencia climática na que estamos. É unha oportunidade importante para marcar un roteiro de abandono dos combustíbeis fósiles no país, comezando pola fin da xeración eléctrica con gas fósil e o peche definitivo do carbón, e así camiñarmos cara a un sistema enerxético 100% renovábel”, apuntou Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia.

As emisións de gases efecto invernadoiro (GEI) baixaron en Galicia nun 34% entre 1990 e 2021, grazas principalmente ao desenvolvemento eólico e á caída da xeración eléctrica con carbón, que debería rematar este mesmo ano. Para atinxir reducións ambiciosas sinalan que é prioritario substituír rapidamente a enerxía fósil a través do decrecemento do consumo e dun maior despregue das renovábeis.

Amigas da Terra, Greenpeace, Ecoloxistas en Acción e o Observatorio Galego da Acción Climática destacan que é urxente unha mellor planificación territorial da instalación de parques eólicos e fotovoltaicos e unha aposta forte polo autoconsumo e a creación de comunidades enerxéticas.


medio ambiente /