CIG-Servizos mobilízase en Compostela por condicións dignas e salarios xustos para o persoal da hostalaría
- A central reivindica tamén a negociación dun convenio galego de sector.

A CIG-Servizos realizou unha concentración este venres en Compostela para reclamar condicións laborais dignas e salarios xustos para as persoas traballadoras do sector da hostalaría e reverter a precariedade na que viven instaladas estas empresas. A protesta enmárcase na campaña que a central ten en marcha para reivindicar tamén a negociación dun convenio galego do sector e que incluirá diferentes mobilizacións ao longo de todo o país.
A CIG-Servizos critica que estas empresas, grandes transnacionais hoteleiras en moitos casos, pero tamén pequenas e medianas empresas, están precarizando “cada vez máis as condicións de traballo con cargas de traballo excesivas, reducidos cadros de persoal e a falta total de cobertura das ausencias, ben sexa por vacacións, licenzas, etc, o que se traduce en presión e ritmos de traballo máis elevados”.
Estas decisións -advirte o secretario nacional, Carlos Alján- repercuten directamente na saúde das persoas traballadoras, provocando procesos de incapacidade temporal por doenzas músculo-esqueléticas, estrés ou ansiedade e que estas “teñan aumentado considerabelmente”.
Falta persoal no sector pero a patronal négase a mellorar as condicións
Malia as informacións sobre o incremento do turismo e das taxas de crecemento interanual en todas as súas vertentes, unha das principais queixas da patronal segue a ser a falta de man de obra cualificada. Unha carencia que, incide a CIG-Servizos, ten a súa explicación “nas pésimas condicións laborais que se viven nun sector que conta cun índice elevadísimo de contratos a tempo parcial, moitos deles na modalidade de fixo descontinuo”.
Así mesmo, traballar na hostalaría significa non poder conciliar vida familiar e laboral, xa que aquí sigue existindo moitísima quenda de traballo partido, ao que hai que sumarlle que os festivos e domingos son días normais de traballo. “Por suposto -critica Alján- sen ningún tipo de compensación a cambio, e mesmo incumprindo o descanso diario e semanal regulado por lei”.
Por si todo isto fose pouco, as empresas contratan a un altísimo porcentaxe do persoal sempre nas categorías de axudante, “pero dende o minuto cero este persoal realiza as funcións de camareiro/a, cociñeiro/a, recepcionista, etc, o que fai que os salarios, que xa de por si son de subsistencia e apenas superan o SMI, sexan aínda mais cativos”. “Retribucións de miseria que non recoñecen nin a responsabilidade, nin a polivalencia, nin a cantidade e calidade do traballo feito, mentres as empresas ven crecer os seus beneficios ano tras ano”.
Nestes momentos están abertas as negociacións dos convenios provinciais de Coruña, Pontevedra e Lugo, mesas que non avanzan na consecución das demandas que a parte social ten enriba da mesa, “xa que a patronal só busca retroceder en dereitos, recortando os xa recollidos nos convenios e ofrecendo salarios que perpetúan a perda adquisitiva que xa se vén padecendo no sector dende hai anos”.
“Este sector non pode manterse instalado na constante precariedade. A CIG continuará traballando, mobilizando e negociando para defender os dereitos das milleiras de persoas traballadoras da hostalaría. Porque sen persoal non hai hostalaría, e sen condicións dignas non hai futuro”, conclúe.
Relacionado
Información en la que puede confiar:
Reuters, la división de noticias y medios de comunicación de Thomson Reuters, es el mayor proveedor de noticias multimedia del mundo, con un alcance diario de miles de millones de personas en todo el mundo. Suscríbase a nuestro boletín informativo diario gratuito: thomson@reutersmarkets.com
