Redacción •  Galicia •  03/03/2023

Decae o macroeóloico no Monte da Neve, decae á “tríada” do macrocomplexo de Greenalia-Bay Wa

  • O proxecto de Bay Wa, que estaría prohibido en Alemaña (sede da compañía) pola proximidade dos aeroxeradores ás aldeas, obtén unha DIA desfavorábel por impactos medioambientais.
  • No último mes decaeron os macropoxectos PE Lamas de Feás e PE Fontesanta, onte mesmo, co que a LAT de Greenalia proxectada sobre oito concellos entre Calvos de Randín en Padrenda tamén está en cuestión.
  • STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA que naceu hai case 3 anos para frear a desfeita no Monte da Neve parabeniza á veciñanza de Celanova e Verea, aos colectivos ambientalistas e asociacións doutros ámbitos que apoiaron a loita, aos políticos que se mollaron desde o principio, como o BNG de Celanova e a deputada Noa Presas, así como as plataformas de todo o país e á coordinadora Eólica Así Non que puxeron a súa bagaxe ao noso dispor.
Decae o macroeóloico no Monte da Neve, decae á “tríada” do macrocomplexo de Greenalia-Bay Wa

A Declaración de Impacto Ambiental desfavorábel do proxecto eólico alemán no Monte da Neve, entre Celanova e Verea, constitúe un éxito da mobilización veciñal encabezada pola plataforma STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA desde 2021, coas sucesivas campañas de información, asembleas e recollida de alegacións, e a celebración da I MARCHA EN DEFENSA DA AUGA, A PAISAXE E O PATRIMONIO DA CASA DA NEVE en setembro de 2021 e o traballo para conseguir que o debate se mantivese na area política estes dous anos.

A loita veciñal nas comarcas de Terra de Celanova, a Baixa Limia e A Limia foi determinante para que, no último mes, teñan decaído con D.I.A desfavorábeis os macropoxectos de Greenalia PE Lamas de Feás e PE Fontesanta (onte mesmo), e agora mesmo estea en cuestión a denominada Liña de Alta Tensión de Greenalia, máis de 42 quilómetros e 200 torres nun tendido que atravesaría Calvos de Randín, Porqueira, Bande, Verea, Celanova, Quintela de Leirado, Pontedeva e Padrenda.

Este traballo no que foron parte fundamental as veciñas de veciños de Feás e Padroso (Calvos de Randín), Covas (Os Blancos), Baltar e A Boullosa (Baltar) e Xinzo de Limia, concello onde as nosas demandas mesmo obtiveron o respaldo do goberno municipal (PSOE, XA, AXIL e BNG), permitiu que hoxe teñamos paralizada a “tríada” do macrocomplexo eólico que Greenalia-Bay Wa pretenden instalar entre o Salas e o Arnoia, nas montañas máis senlleiras: Pena Loba, A Aguioncha, o Monte Grande e o Monte da Neve, desfacendo a necesaria continuidade para a vida de animais e plantas, esfarelando os nacementos das augas e a paisaxe nunha zona de Reservas da Biosfera, Rede Natura e, sobre todo, o Parque Natural do Xurés, o maior de Galiza.

A mesma agresión estase a producir no Larouco, na liña da raia con Portugal, até o propio Parque Natural do Xurés, onde combatemos, con información, asembleas e mobilizacións, e tamén algo da poesía que poñen Concha Rousía e outras, outra “tríada”, a dos macroproxectos Tramontana, Mistral, San Martiño, e dúas LAT, a do Larouco e a do Xures, que ameazan tamén as nosas vidas e actividades como o parapente nunhas montañas e vales privilexiados pola súa paisaxe e polos seus ceos.

A batalla para frear a invasión eólica continúa. Esiximos un novo Plan Sectorial Eólico de Galiza e a revisión e correcta avaliación de todas estas Áreas de Desenvolvemento Eólico (ADE), que as propias decisións da Xunta están a poñer en cuestión estes días.

LEMBRA A NOSA CAMPAÑA do FONDO PARA A DEFENSA XURÍDICA DAS MONTAÑAS DA LIMIA-XURÉS-CELANOVA en migranodearena.org.

Celanova, Verea, 3 de marzo de 2023.


energía eólica /