Redacción •  Galicia • 24/01/2020

Eva Solla denuncia a falta de control por parte do Goberno galego das axudas públicas do Igape

“Emesa é un exemplo de xestión neglixente por parte do Goberno: recibiu máis de 4 millóns en axudas por parte do IGAPE e tiña uns 400 traballadores. Agora está en concurso de acredores e os traballadores levan meses sen cobrar”, di Eva Solla.

Eva Solla denuncia a falta de control por parte do Goberno galego das axudas públicas do Igape

Compostela, 24 de xaneiro de 2020. Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida e deputada do Grupo Común da Esquerda, vén de facer fincapé na  Comisión de Emprego e Sanidade na “actitude neglixente por parte do Goberno galego respecto ao control e fiscalización das axudas públicas do Igape”. “Dita actitude se ve moi clara no exemplo da empresa Emesa, que recibiu máis de 4 millóns en axudas por parte do IGAPE e tiña uns 400 traballadores. Agora está en concurso de acredores e os traballadores levan meses sen cobrar. Cal foi o control que fixo o Goberno destas axudas?”, inquiriu Solla.

Emesa é unha empresa situada na Coruña, no municipio de Coirós, dedicada ás construcións metálicas e con máis de 60 anos de historia e coa participación en obras emblemáticas como a Ponte de Rande e a súa ampliación, a T4 de Barajas, ou a intermodal de Lieja (Bélxica), ademais de ter sido fundamental para o despegue industrial da provincia da Coruña con construcións para Meirama, As Pontes, A Refinería…. É unha empresa que conta cunha alta especialización das traballadoras e traballadores que e chegou a ter máis de 400 postos de traballo.

Con estes antecedentes, Eva Solla preguntou ao Goberno “cal foi o control que fixo destas axudas públicas recibidas do IGAPE (de ata 4 millóns de euros) e se pensa facer algo para evitar a perda de postos de traballo”. Esta perda de postos de traballo se vén producindo dende que o Grupo Isolux vendeu a empresa ao Grupo Soil, actual propietario, que prometeu no seu momento dar ocupación a máis de 200 persoas. “Actualmente a empresa conta cuns 90 profesionais que levan xa cinco nóminas sen cobrar e están en concurso de acredores”, lembrou a deputada.

Eva Solla tachou esta xestión de “actitude neglixente” e lamentou que esta situación “só afonda no desemprego que sofre Galicia, principalmente nun sector que se atopa en desmantelamento absoluto como é o caso da nosa industria, coa consecuente sangría de postos de traballo”. Ante esta situación, a Xunta debería actuar a fin de evitar un peche que supón un problema a nivel laboral e social para toda unha comarca.

Tamén lamentou que “unha grande parte das axudas directas que está a dar o Goberno non estean vinculadas ao emprego de calidade e, por iso, nos atopamos con exemplos de empresas que recibiron axudas e agora están a sufrir unha situación de concurso de acredores, co que todo isto implica para os postos de traballo das e dos traballadores”.

Esquerda Unida reuniuse fai un mes co persoal de Emesa, altamente cualificado que recalcaba que “non quería emigrar a Alemaña e que queren traballar en Galicia”, polo que instamos á Xunta a buscar solucións para frear o desmantelamento do sector industrial galego e a sangría de traballadoras e traballadores.


Esquerda Unida /  Eva Solla /