Ali, o chibo expiatorio e o imperio: a barbarie que se agocha detrás dun perdigón
Camaradas:
Un neno de oito anos, Ali, foi tiroteado na cabeza cunha pistola de perdigóns por uns encapuchados en Ceuta. Un neno. Oito anos. E xa é obxectivo da barbarie racista que a dereita e a ultradereita levan meses sementando neste país con total impunidade. Non hai palabras suficientemente duras para cualificar a quen empuña unha arma contra un cativo: son fascistas covardes, sen unha chisca de humanidade, e a súa ignorancia, a súa estupidez e a súa falta absoluta de empatía son un cancro para calquera sociedade que aspire a chamarse sa.
A semente do odio sempre remata en colleita de violencia
Non é casualidade. Non é un feito illado nin o produto dunha mente enferma que actúa soa, por moito que algúns queiran presentalo así para lavaren as mans. Cando durante meses se repite desde tribunas públicas, platós de televisión e escanos parlamentarios que as persoas migrantes son unha «invasión», unha «ameaza» ou un «problema a resolver», estase a fabricar, ladrillo a ladrillo, o permiso social para a violencia.
Os encapuchados que dispararon a Ali non naceron co odio incorporado: incúlcallelo o PP e VOX co seu discurso criminalizador, xunto cunha parte dos medios de comunicación que amplifican ese discurso coma se fose senso común.
Aos máis débiles xa os usaron sempre
E aquí non remata a historia, porque aos máis débiles xa os usaron sempre. Ás persoas migrantes, a eses seres desesperados que foxen da fame e da ditadura, convértenas en arma arreboladiza para desestabilizar e chantaxear, exactamente igual que xa se fixo antes.
Non teño probas, pero tampouco teño dúbidas: detrás de Marrocos, da súa monarquía sátrapa e da ditadura de Mohamed VI, están Israel e os Estados Unidos, utilizando seres humanos desesperados coma carne de canón no seu taboleiro de xadrez xeopolítico.
Abrir ou pechar a fronteira de Ceuta á vontade, soltar vagas de persoas desesperadas cando convén presionar España ou a Unión Europea, é o mesmo tipo de chantaxe que só se sostén coa connivencia de quen de verdade manda na rexión.
O chibo expiatorio de sempre
A estratexia non é nova nin orixinal. É a mesma que empregou a Alemaña nazi contra o pobo xudeu, a mesma que hoxe sostén o sionismo israelita contra o pobo palestino e a mesma que utiliza Donald Trump contra os pobos do mundo enteiro.
Búscase un inimigo débil, sen capacidade para se defender politicamente e sen representación mediática propia, e convértese no culpable de todos os males, mentres o eixo Trump-Netanyahu move os fíos rexionais e precisa xendarmes coma Mohamed VI, dispostos a facer o traballo sucio.
A ultradereita española, lacaia do mesmo amo
E, mentres tanto, aquí, a ultradereita e a dereita extrema lamben as botas do mesmo patrón. Santiago Abascal, Alberto Núñez Feijóo e Isabel Díaz Ayuso: todos eles, cada un ao seu xeito, alíñanse sen fisuras co proxecto de Trump e Netanyahu, aplauden o xenocidio en Gaza, xalean o atlantismo máis ranzo e converten o migrante no inimigo interno perfecto para desviar a mirada de quen dirixe realmente o espectáculo.
O Partido Popular e VOX non son proxectos autónomos: son sucursais ibéricas dun mesmo proxecto imperial, igual que Junts per Catalunya se suma, cando convén, a ese coro de servilismo cara a Washington e Tel Aviv.
Chámanlle «invasión» á fuxida desesperada de miles de persoas que escapan da miseria e dos abusos para procurar unha Europa idealizada que cada día se parece máis a unha fortaleza en involución cara á barbarie fascista.
Non hai neutralidade posíbel nin solución sen internacionalismo de clase
Como delegado sindical e militante comunista, non podo nin quero mirar para outro lado. A clase traballadora non ten inimigos entre quen foxe da fame e da guerra: o noso inimigo é o capital, que precisa dividirnos por orixe, por relixión ou por cor da pel para que non nos unamos contra quen realmente nos explota.
Un neno tiroteado na cabeza en Ceuta non é un feito illado: é a consecuencia última dun taboleiro no que as grandes potencias moven pezas humanas sen escrúpulos e no que a dereita local se presta gustosa a facer de policía de fronteiras do imperio.
Esiximos que se investigue este ataque ata as últimas consecuencias, que se depuren responsabilidades políticas polo discurso de odio que o alimenta e que ningún neno, veña de onde veña, volva sufrir un só perdigón pola cor da súa pel ou polo lugar onde naceu.
Mentres Abascal, Feijóo e Ayuso sigan sendo correa de transmisión de Trump e Netanyahu, seguiremos vendo nenos tiroteados e fronteiras convertidas en armas de chantaxe.
Non nos van dividir.
