Redacción •  Galicia •  29/06/2022

Asemblea Republicana Galega condena aos asasinatos perpetrados no valado de Melilla

Esiximos ao goberno do Estado español que faga xustiza e procese os asasinos do valado de Melilla, así como tamén que derrogue as leis que limitan as nosas liberdades, como a lei «mordaza» ou a lei de estranxería.

Asemblea Republicana Galega condena aos asasinatos perpetrados no valado de Melilla

Comunicado

Desde a Asemblea Republicana Galega queremos manifestar o noso máis profundo repudio aos acontecementos do venres no valado de Melilla, onde se estima provisionalmente que falecesen 23 persoas, (segundo o goberno de Alxeria e varias Ong a cifra ascende a 37 ), víctimas das forzas represivas do Estado español e de Marrocos.

Estas persoas, que intentaban pasar a fronteira, morreron a causa das feridas provocadas pola policía ao serlles negada a asistencia médica.

O goberno de coalición (PSOE, UP, PCE) é responsábel deste atentado contra os Dereitos Humanos, non só por permitir os asasinatos, senón tamén por aplaudilos nun recente discurso de Pedro Sánchez. O autoproclamado «goberno máis progresista da historia» mostra a súa verdadeira cara contra a clase obreira para defender os intereses do capital.
Tamén merece mención o papel do monarca Felipe VI, que mantén silencio ante esta matanza, convertíndose, novamente, en cómplice principal das agresións imperialistas no norte de África.

Nun contexto en que se celebra o Cumio da OTAN en Madrid, o Estado español alardea do seu carácter servil aos intereses do imperialismo ianqui e europeo botando unha man a Mohamed VI para reprimir a clase obreira marroquí. O proceso de fascistización da sociedade segue adiante. As potencias imperialistas basean a súa economía na depredación dos recursos de Estados máis febles, sendo necesario acudir ás guerras e á represión explícita do movemento obreiro e popular. O limiar de violencia do Estado burgués é cada vez máis elevado.

A Asemblea Republicana Galega fai un chamado á clase traballadora e ás capas populares galegas a organizarse para loitar por unha República Obreira e Popular que renuncie ás agresións imperialistas como base do seu motor económico. Igualmente, esiximos ao goberno do Estado español que faga xustiza e procese os asasinos do valado de Melilla, así como tamén que derrogue as leis que limitan as nosas liberdades, como a lei «mordaza» ou a lei de estranxería.

GOBERNO RESPONSÁBEL, GOBERNO CRIMINAL!!
ABAIXO O RÉXIME DO 78!!
POR UNHA REPÚBLICA OBREIRA E POPULAR!!


represión policial /