Redacción •  Galicia •  12/05/2026

Rego exixe a Albares medidas contundentes contra o réxime sionista de Israel: “sancións, ruptura e illamento”

Néstor Rego urxe a liberación inmediata dos activistas -Saif Abukeshek e Thiago Ávila- e denuncia que estas actuacións leva décadas sendo empregadas polo Estado sionista.

Frente á pasividade, compracencia e complicidade da Unión Europea, o BNG reclama destruír o apartheid sionista e apostar pola paz, a liberdade e a soberanía dos pobos.

Rego exixe a Albares medidas contundentes contra o réxime sionista de Israel: “sancións, ruptura e illamento”

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama ao Goberno español pasar “das palabras aos feitos” diante dos ataques ilegais do Estado de Israel contra a Global Sumud Flotilla e demanda medidas políticas e diplomáticas contundentes contra o réxime sionista, incluíndo sancións, a ruptura de relacións e o seu illamento internacional.

Durante a comparecencia do Ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, solicitada polo BNG xunto con outras forzas políticas, Rego denuncia que Israel leva “décadas de políticas deshumanas e criminais contra a poboación palestina” e máis dunha década perpetrando “actos graves de pirataría internacional” contra as flotillas humanitarias que tentan romper o bloqueo sobre a Faixa de Gaza.

O deputado nacionalista reclama a liberdade inmediata dos activistas Saif Abukeshek e Thiago Ávila, retidos após o ataque israelí á flotilla, e lembra que este tipo de actuacións non son novas. “Antes foron outros e outras activistas, incluídas cidadás do Estado español, como a nosa compañeira Ana Miranda, secuestrada en 2015 a bordo do Marianne, sen que o Goberno español do Partido Popular dixese absolutamente nada” denuncia.

Néstor Rego critica duramente a “pasividade, compracencia e complicidade” da Unión Europea e dos Estados Europeos cos crimes do sionismo, frente á posición maioritaria dos pobos europeos, que “denuncian con contundencia a reiterada e criminal vulneración dos dereitos humanos e da legalidade internacional por parte de Israel”.

Aínda que valora positivamente que o Goberno do Estado reclame a liberdade dos activistas e promova na Unión Europea a suspensión do acordo preferencial con Israel, advirte que “iso xa non é suficiente”. “Estamos a falar de tratar Israel como un Estado normal cando vulnera sistematicamente a legalidade internacional e os Dereitos Humanos. Sen sancións, sen romper relacións e sen illamento internacional, a impunidade continúa” afirma.

Na súa intervención, o deputado do BNG cualifica o sionismo como “unha ideoloxía criminal e racista” que promove “o xenocidio e a limpeza étnica” contra o pobo palestino, e sinala ao Estado de Israel como “o principal foco de desestabilización e conflito no Oriente Medio”.

“O que é preciso é destruír o apartheid sionista, como no seu día foi destruído o apartheid na África do Sul” defende Rego, quen reitera o apoio do BNG á loita do pobo palestino “para que poida vivir en paz, liberdade e soberanía no seu propio Estado”.

O deputado nacionalista remata con asegurando que o BNG continuará denunciando “a brutalidade sionista” e defendendo “a paz, a liberdade e a soberanía para todos os pobos, porque somo internacionalistas e antiimperialistas consecuentes”.


boicot a Israel /