Redacción •  Galicia •  12/01/2023

A CIG desmente o Ministerio de Traballo e aclara que a suba salarial rexistrada en Galiza foi a máis elevada do Estado

Os datos dos Consellos de Relacións Laborais autonómicos confirman un incremento do 4,83% no noso país, por riba do 4,57% de Euskadi

A CIG desmente o Ministerio de Traballo e aclara que a suba salarial rexistrada en Galiza foi a máis elevada do Estado

A CIG vén de saír ao paso dos datos aportados polo Ministerio de Traballo a respecto das subas salariais rexistradas nos distintos territorios do Estado, no sentido de que en Galiza foi onde máis se incrementaron os soldos, cun 4,83%, por riba do 4,57% rexistrado en Euskadi, que fica en segunda posición, e do 4,49% que medraron en Nafarroa, segundo as cifras recollidas polos propios onsellos de Relacións Laborais autonómicos. O departamento estatal, pola contra, sitúa o noso país en terceiro lugar, cun aumento do 3,94%.

Dende a central sindical fan fincapé na “rigorosidade e seriedade” do traballo realizado polas persoas que compoñen o Consello Galego de Relacións Laborais á hora de recoller os datos da negociación colectiva no noso país, “xa que se fai unha análise pormenorizada dos convenio que se asinan a diario, na que se teñen en conta tamén outras cuestións como as cláusulas de garantía salarial, ultraactividade, xornada pactada, etc”. 

Para o secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, sostén que “o que queda demostrado é que nos territorios nos que o sindicalismo nacionalista é hexemónico, como no caso galego, vasco e navarro, prodúcese un maior avance nas condicións salariais e na conquista de dereitos laborais”. Isto é así pola existencia dunha maior conflitividade grazas á implantación dun modelo baseado na mobilización social e laboral.

Ao mesmo tempo, Sío quere poñer en valor a existencia do Consello Galego de Relacións Laborais, “un verdadeiro órgano de diálogo entre organizacións sindicais, empresariais e administracións, fronte ao chamado diálogo social, no que se acordan cuestións fundamentais para a clase traballadora de costas a ela e de forma escurantista”.

Finalmente, lamenta que este modelo de relacións laborais estea a ser potenciado nos últimos tempos tanto polo propio Ministerio de Traballo como pola Xunta de Galiza.


salarios /