Redacción •  Galicia •  07/09/2026

Máis dun cento de persoas concéntranse no Obradoiro para reclamar a liberdade do doutor Hussam Abu Safiya

  • Sanidade Galega con Palestina anuncia a continuidade das mobilizacións e das accións de boicote e chama a participar na grande mobilización nacional do 4 de outubro.
Máis dun cento de persoas concéntranse no Obradoiro para reclamar a liberdade do doutor Hussam Abu Safiya

Máis dun cento de persoas concentráronse este domingo na Praza do Obradoiro, en Compostela, convocadas por Sanidade Galega con Palestina (SGCP), para dar voz ás compañeiras e compañeiros sanitarios palestinos que continúan a ser asasinados, torturados e secuestrados polo sionismo na súa propia terra.

A concentración tivo como símbolo ao doutor Hussam Abu Safiya, que leva 620 días secuestrado por Israel. A súa figura estivo presente de maneira simbólica durante o acto como representación da loita pola liberdade do persoal sanitario palestino.

Durante a mobilización tamén voáronse papaventos en solidariedade coas crianzas palestinas, privadas mesmo do dereito máis básico a vivir e medrar en liberdade, mentres Israel continúa coa destrución sistemática de Gaza e do seu tecido sanitario.

Desde Sanidade Galega con Palestina sinalan que esta mobilización non é un punto final e que non pararán de berrar, de mobilizarse e de lembrar o que está a acontecer en Palestina.

A plataforma continuará organizando accións de boicote contra empresas e institucións que son cómplices do xenocidio e da destrución do sistema sanitario palestino. Neste marco, continuarán as accións de boicote ás empresas israelís do sector sanitario, nomeadamente á grande farmacéutica Teva, mediante visitas a farmacias e outras actividades destinadas a informar e estender este boicote.

Do mesmo xeito, SGCP continuará co boicote académico, fronte á normalización da participación de profesionais e institucións sanitarias sionistas en congresos, encontros e eventos científicos do ámbito sanitario.

Sanidade Galega con Palestina chama tamén a participar na grande mobilización nacional galega con Palestina do 4 de outubro, ás 12h na Alameda de Compostela, e a continuar levando a solidariedade co pobo palestino ás rúas.


Solidaridad Internacional /