Redacción •  Galicia •  10/02/2022

Gómez Reino pregunta no Congreso pola construción da variante da A-52 en Vigo

  • A formación considera que deben concretarse prazos e clarificarse o trazado “con urxencia”.
  • Gómez Reino sinala que garantir a seguridade da A-55 non pode “servir de escusa” para a construción do túnel de Baruxáns, que suporía a expropiación de multitude de vivendas en Bembrive.
Gómez Reino pregunta no Congreso pola construción da variante da A-52 en Vigo

Galicia en Común rexistrou no Congreso unha batería de preguntas a iniciativa do deputado Antón Gómez Reino sobre o proxecto de construción da variante da A-52 entre Vigo e Porriño.

O documento fai referencia ao novo proxecto de trazado que abordaría o problema da sinistralidade no tramo da A-55 onde se unifica o tráfico ata o centro da cidade de Vigo. Nos PGE-2022 inclúese unha partida de 100.000 euros para este proxecto, estando na actualidade en redacción o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo. “Faise necesario con urxencia que se concreten prazos e se clarifique o trazado polo que finalmente se opte para dar solución á problemática apuntada”, recolle a iniciativa de Galicia en Común.

Entre varias cuestións, o documento pregunta ao Goberno se o trazado esixe a construción dun vial para a canalización do tráfico, como o proxectado como prolongación da PO-010 no proxecto do PXOM de Vigo. Tamén, e aquí fai especial énfase a formación pola mobilización cidadá que está a suscitar, sobre a construción dun túnel ata a altura de Baruxáns, no barrio vigués de Bembrive (incluído no exercicio 2007 que finalmente caducou).

“Solicitamos que se estude cal é o menor impacto da entrada do vial A-52 na cidade, e pedimos claridade tanto para tranquilizar aos veciños afectados por esta nova A-52 como para que de ningunha maneira sexa utilizada polo Concello de Vigo como excusa para xustificar o vial de Beade proxectado no PXOM e que ten unha total oposición veciñal polo seu impacto ambiental e sobre a poboación do rural”, agregou.

Consulta aquí a nosa iniciativa


Galicia en Común /