A CIG logra que a Inspección de Traballo levante acta de infracción contra Alsa Ferrol por non aplicar o convenio sectorial
- A apertura deste expediente infractor responde ás denuncias presentadas pola CIG polo evidente incumprimento da empresa en materia laboral e chega poucos días despois da gran mobilización realizada pola central nacionalista en Ferrol en apoio á loita do persoal de Mairours

A Inspección de Traballo comunicou este venres a apertura dun expediente sancionador contra Alsa Ferrol por non aplicarlle ao persoal de Maitours o convenio colectivo do transporte de viaxeiros/as por estrada da Coruña. No seu escrito, a Inspección informa tamén que vai proceder á liquidación das cotas de cotización á Seguridade Social polos atrasos xerados, ao entender que a aplicación do convenio sectorial non ten afectos a partir desta resolución, senón que xa se tiña que se ter producido con anterioridade.
A apertura deste expediente infractor responde ás denuncias presentadas pola CIG polo evidente incumprimento da empresa en materia laboral e chega poucos días despois da gran mobilización realizada pola central nacionalista en Ferrol en apoio á loita do persoal de Mairours. Neste senso, a CIG valora que, malia o atraso na actuación inspectora, con esta acta estáselle dando á razón os traballadores e traballadoras de Maitours en todos os puntos reclamados.
O responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, lembra que o artigo 84.2 do Estatuto das persoas traballadoras estabelece a prevalencia aplicativa do convenio sectorial no que respecte á contía do salario e que neste caso, ademais, o convenio que Alsa aplica ao persoal subrogado de Tranvías de Ferrol “é o que se negociou nunha empresa que xa non existe”.
A CIG e os traballadores/as agardan que Alsa actúe conforme á resolución da Inspección e, de inmediato, proceda a aplicarlle o convenio provincial e a abonar os atrasos salariais xerados durante este tempo. Así mesmo, que cumpra co resto de demandas que motivaron a folga (como a compensación do traballo en festivos ou o cumprimento do acordo para a realización dos servizos imprevistos). En calquera caso, a folga continúa adiante mentres non se garanta o cumprimento da lexislación laboral.
Reunión co alcalde, catro meses despois de iniciarse a folga
A resolución da Inspección coñecíase pouco antes da reunión convocada para esta mañá polo alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela. Unha reunión que “chega con catro meses de atraso e despois do ningueo absoluto ao que o alcalde da cidade someteu a estes traballadores e traballadoras que levan en folga 117 días”.
A xuntanza, denuncia Pastoriza, dáse pola presión mobilizadora da CIG, mais “non porque o Concello teña interese algún en buscar unha solución nin actuar para lograr que se cumpra a legalidade. Ao contrario, en todo este tempo, o alcalde fixo gala da súa irresponsabilidade, desentendéndose deste conflito a pesar das condicións de precariedade na que Alsa ten ao seu persoal e da incidencia da folga nun servizo público tan importante como o transporte en autobús”.
Por iso, apunta á coincidencia deste encontro xusto no día no que se comunicaba a acta da Inspección de Traballo. “Que non veña agora o alcalde a presentarse como salvador de nada. Aquí, todo o que se consiga será grazas á loita, á mobilización e á enorme capacidade de resistencia que están demostrando os traballadores e traballadoras de Maitours”.
Neste punto, Pastoriza denuncia tamén a desidia da Xunta de Galiza que está eludindo as súas obrigas como administración e como titular do contrato ao non facer valer as cláusulas dos pregos de condicións «para maior beneficio dunha empresa privada que presta un servizo público».
Relacionado
Información en la que puede confiar:
Reuters, la división de noticias y medios de comunicación de Thomson Reuters, es el mayor proveedor de noticias multimedia del mundo, con un alcance diario de miles de millones de personas en todo el mundo. Suscríbase a nuestro boletín informativo diario gratuito: thomson@reutersmarkets.com
