BNG consegue no Parlamento un acordo unánime e histórico para restaurar a mina de San Fins en Lousame
- O acordo inclúe esixirlle á empresa a retirada dos residuos mineiros acumulados nas dúas presas e a restauración ambiental da zona afectada.
O BNG acadou este venres un acordo unánime e “histórico” para restaurar a mina de San Fins, en Lousame, e continuar coa tramitación do expediente de caducidade do grupo mineiro de San Finx. A proposición non de lei que defendeu a deputada Rosana Pérez foi aprobada despois dunha transacción co PP. O acordo inclúe “esixirlle á empresa a retirada dos residuos mineiros acumulados nas dúas presas e a restauración ambiental da zona afectada”, que é un dos asuntos máis importantes que están pendentes de resolverse.
Pérez manifestou que se deberá proceder “á execución do aval depositado polo titular la explotación no caso de que non cumpra oco requirido e acometer, con cargo a ese aval, as medidas de execución subsidiaria que se precisen para manter a explotación en condicións de seguridade”, incluída a ambiental.
No caso de que non se puidesen acometer todas as actuacións para manter a explotación en condicións de seguridade, incluída a ambiental, e no caso de que o aval depositado polo titular da explotación fose insuficiente, “requiriráselle á empresa concesionaria os fondos precisos a través de todas as vías das que dispón a administración”.
Para a portavoz de Mar do BNG, este acordo é benvido despois de que a actuación da Xunta do PP respecto da mina de San Finx “fose un exemplo de libro do que unha administración, cun mínimo dese “sentidiño” do que vostedes sempre presumen, non debe facer”. E resaltou que “a loita de toda unha comarca contra a senrazón, dá os seus froitos.
Durante a súa exposición, Pérez lamentou que, despois de quince anos da chegada do Partido Popular á Xunta de Galiza, “teñamos que seguir denunciando o estado ambiental de toda a contorna, comezando polos ríos, das instalacións da mina de San Finx”, no concello de Lousame.
Na súa exposición, a deputada nacionalista criticou que “todas as actuacións do Goberno do PP durante quince anos estiveron pragadas de irregularidades, de enganos, de escurantismo e mesmo de mentiras. A “conivencia” entre a Xunta e a empresa concesionaria “saltouse incluso os informes oficiais, da propia Xunta, que explicitaban a necesidade de someter á mina á avaliación de impacto ambiental e advertían da perigosa situación das presas, que acumulan miles de toneladas de residuos e que se encontran en estado de abandono”
A deputada salientou que, “valoramos moi positivamente a emenda presentada polo PP, “despois de tantos anos de batalla, de negativas e de ataque, e mesmo insultos ás iniciativas presentadas por este grupo”. Non obstante, “somos conscientes de que “aínda existen perigos moi graves na contorna e na ría de Muros Noia”. Polo tanto, xustificou, “esta transacción co PP debe ter o obxectivo de chegar a un acordo neste tema que estou segura que favorecerá a toda a comarca de Muros-Noia e ao medio ambiente e á restauración de todo o dano que ten feito a mina”. Acordo que foi finalmente acadado por unanimidade.