Redacción •  Galicia •  07/01/2021

EU pide á Xunta que mellore a situación da enfermaría en Galicia para realizar unha inmunización fronte á covid máis eficiente

Esta semana coñecéronse os datos de vacinación de Covid-19 que indican que nos primeiros días tras a chegada da vacina contra a Covid-19 á nosa comunidade, se administraron tan só 25% das vacinas recibidas. A Xunta, pola súa parte vén de trasladar que as porcentaxes son moi superiores nesta semana.

EU pide á Xunta que mellore a situación da enfermaría en Galicia para realizar unha inmunización fronte á covid máis eficiente

Esquerda Unida traslada que máis aló da discusión sobre porcentaxes é preciso mellorar a eficiencia da vacinación para evitar esperas innecesarias a medida que se vaian recibindo as diferentes remesas. En palabras de Eva Solla, Coordinadora Nacional de Esquerda Unida, “neste momento a Xunta está a centrar a vacinación nas maiores residentes en centros da terceira idade, pero pronto tocará vacinar ao resto de maiores e esa campaña debera realizarse nos centros do SERGAS. É, polo tanto, un bo momento para planificar esa vacinación, máximo cando xa temos unha nova vacina autorizada e sabemos que o ritmo de recepción se vai incrementar.”

Esquerda Unida lembra que o persoal responsable da administración das vacinas é o persoal de enfermaría, colectivo moi precarizado, polo que pide á Xunta que mellore a situación da enfermaría, sobre todo en atención primaria, para facer fronte ao traballo da vacinación con máis eficiencia.

Eva Solla traslada que “a enfermería ten unha grande capacidade para xestionar calquera campaña de vacinación e por suposto para levala a cabo, pero hai que lembrar a situación dos nosos centros sanitarios e a precariedade do colectivo. O lóxico sería que o SERGAS planificase co persoal a campaña de vacinación. Sería positivo para toda a poboación.”

Esquerda Unida reclama á Xunta que abandone a política de confrontación de cifras e centre os seus esforzos en mellorar a situación do persoal sanitario e dos servizos de saúde, moi castigados desde antes da Pandemia.


Esquerda Unida /