Comunicado de Esquerda Unida polo 17 de Maio, día das Letras Galegas

Neste Día das Letras Galegas, desde Esquerda Unida queremos reivindicar a defensa da lingua galega como unha causa democrática, social e de país. Nun contexto de emerxencia lingüística, no que os últimos datos sobre uso social do galego reflicten unha perda continuada de falantes, especialmente entre a mocidade, defender o galego xa non é só unha cuestión cultural: é unha cuestión de dereitos, de igualdade e de futuro.
As advertencias do Comité de Expertos do Consello de Europa nos últimos anos, xunto cos datos oficiais do Instituto Galego de Estatística, confirman unha realidade incontestable: o galego continúa perdendo falantes e presenza social, especialmente entre as xeracións máis novas, mentres Europa segue reclamando a eliminación das restricións que limitan o seu uso pleno no ensino. Fronte a esta emerxencia lingüística, a Xunta leva anos sen desenvolver nin actualizar plenamente os instrumentos públicos de protección e promoción da nosa lingua, chegando tarde a recoñecer unha situación que xa é crítica. A propia Xunta anunciou en maio de 2026 en foros europeos que está a traballar na actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, o que implicitamente recoñece que o plan levaba anos sen renovación efectiva.
Desde Esquerda Unida reafirmamos que a lingua galega non pode seguir sendo tratada como unha cuestión secundaria nin como un elemento folclórico. O galego precisa políticas públicas valentes, recursos, presenza institucional e compromiso real para garantir a súa transmisión interxeracional e o seu uso pleno en todos os ámbitos da vida.
Neste 17 de maio reivindicamos a memoria de Begoña Caamaño, unha voz fondamente comprometida co feminismo, coa cultura galega e co país, que fixo da palabra conciencia crítica e da comunicación unha ferramenta de transformación. A súa dedicación ás Letras Galegas é tamén unha homenaxe ás mulleres que abriron camiños, racharon silencios e ensancharon o horizonte da nosa cultura.
«!Hai palabras que serven para cambiar o mundo.”.
Na memoria de Begoña Caamaño.
