Redacción •  Galicia •  24/07/2026

Manifesto 25 de xullo: «Unha Galicia para a clase traballadora»

Manifesto 25 de xullo: «Unha Galicia para a clase traballadora»

Comunicado Esquerda Unida

UNHA GALICIA PARA A CLASE TRABALLADORA

Neste Día da Patria Galega, desde Esquerda Unida reivindicamos Galicia como unha nación con identidade propia, cun territorio, unha lingua, unha cultura e unha realidade económica que a converten nun feito político e social obxectivo. Non é unha cuestión de sentimentos nin de crenzas: Galicia existe como nación e ten dereito a decidir o seu futuro.

Pero tamén sabemos que ningún pobo é verdadeiramente libre mentres a maioría social vive sometida aos intereses dunha minoría que concentra a riqueza e o poder. Vivimos nun mundo no que as grandes potencias e os intereses do capital invocan as normas internacionais cando lles resultan útiles e ignóranas cando se converten nun obstáculo para os seus beneficios. A dominación económica segue condicionando a soberanía dos pobos e tamén a capacidade das maiorías sociais para decidir sobre as súas propias vidas.

Por iso defendemos unha Galicia con capacidade para desenvolver plenamente o seu idioma, a súa cultura, a súa economía e os seus recursos naturais. Unha Galicia que coide os seus montes, os seus ríos, o seu mar e o seu territorio, entendendo que non hai soberanía posible sen respecto polo medio ambiente nin sen unha transición ecolóxica xusta.

Pero falar de nación non pode limitarse á defensa dun territorio. A verdadeira soberanía constrúese garantindo dereitos. Queremos unha Galicia onde a sanidade pública sexa universal e de calidade. Unha Galicia onde a educación pública permita desenvolver plenamente todas as capacidades das persoas. Unha Galicia onde o acceso á vivenda deixe de ser un negocio para converterse nun dereito garantido. Unha Galicia onde ninguén quede atrás por enfermidade, desemprego ou pobreza. Unha Galicia onde o traballo permita vivir con dignidade e dispoñer do tempo necesario para vivir, crear, coidar e participar na sociedade.

Esa é a patria que defendemos. Porque o  patriotismo mídese pola loita por garantir dereitos, non polo

número de bandeiras. Ao mesmo tempo, reivindicamos unha Galicia profundamente solidaria cos demais pobos do mundo. Defendemos o dereito de todas as nacións á súa autodeterminación, á paz, ao desenvolvemento e á cooperación entre iguais.

Agora ben, celebrar Galicia coma nación non significa esquecer que dentro dela existen intereses contrapostos.

Tan galega é a traballadora que vive do seu salario como galego é quen obtén beneficios explotando o traballo alleo. Existe unha contradición fundamental entre quen vive do seu traballo e quen vive apropiándose do traballo dos demais. Por iso, as traballadoras e traballadores compartimos máis intereses entre nós, independentemente da nación da que procedamos, que cos grandes poderes económicos do noso propio país.

A defensa de Galicia nunca pode converterse nun instrumento para dividir á clase traballadora.

Cando alguén invoca Galicia para xustificar políticas que empobrecen ás maiorías sociais, privatizan os servizos públicos, precarizan o emprego ou favorecen aos grandes intereses económicos, non está defendendo Galicia: está utilizando Galicia para defender ao capital.

Desde Esquerda Unida defendemos unha patria construída desde abaixo.

Unha Galicia feminista, ecoloxista, democrática e socialista.

Unha Galicia que poña a riqueza ao servizo da maioría social.

Unha Galicia que contribúa ao progreso colectivo da humanidade e non á competencia entre pobos.

Porque a nosa bandeira non tapa as desigualdades: serve para combatelas.

Neste 25 de xullo celebramos Galicia.

Celebramos a nosa lingua.

Celebramos a nosa cultura.

Celebramos a nosa historia de loita e reafirmamos o noso compromiso cunha Galicia libre, xusta e solidaria.


Esquerda Unida / 

Información en la que puede confiar:

Reuters, la división de noticias y medios de comunicación de Thomson Reuters, es el mayor proveedor de noticias multimedia del mundo, con un alcance diario de miles de millones de personas en todo el mundo. Suscríbase a nuestro boletín informativo diario gratuito: thomson@reutersmarkets.com