Redacción •  Galicia •  01/07/2026

O informe `Bandeiras negras 2026´ pon o acento na restauración ecolóxica dos espazos costeiros para facer fronte á degradación e urbanización do litoral

  • Ecoloxistas en Acción presentou ‘Bandeiras negras 2026’, un informe co que saca á luz os casos máis significativos de contaminación e mala xestión ambiental das costas en Galicia. Como cada ano desde 2005, outorgáronse 6 bandeiras en Galicia e un total de 48 bandeiras no conxunto do Estado, dúas por provincia e/o cidade autónoma con litoral.
  • Este ano identifícanse problemas recorrentes como a contaminación mariña por depuración deficiente ou por vertidos de residuos mineiros, a destrución de zonas de alto valor natural pola construcción de urbanizacións, a perda de biodiversidade ou a ocupación ou mala xestión do espazo público maritimo – terrestre.
  • Como novidade, a organización ecoloxista, baixo o convencemento de que hai que traballar por futuros desexables e un planeta habitable, nesta edición puxo o acento nas solucións e explicou como a restauración ecolóxica dalgúns puntos detectados pode contribuír a que se reverta a situación de degradación.  
O informe `Bandeiras negras 2026´ pon o acento na restauración ecolóxica dos espazos costeiros para facer fronte á degradación e urbanización do litoral

Un ano máis, tras unha análise dos aproximadamente 8.000 quilómetros das costas do Estado español, Ecoloxistas en Acción presentou o seu informe Banderas Negras. Trátase dun estudo que recompila as 48 bandeiras que a organización ecoloxista outorga a puntos concretos do litoral español, dous por provincia e por cidade autónoma. En cada un destes lugares outórgase unha bandeira negra por contaminación e outra por mala xestión. En Galicia suman 6 bandeiras negras, 2 por cada provincia con litoral: A Coruña, Pontevedra e Lugo.

Bandeiras na Galiza:

Provincia de Pontevedra:

  • Por contaminación: O grave impacto ambiental da ampliación do Porto Deportivo de Baiona.
  • Por mala xestión: Agresións urbanísticas na costa de Cabo Estai.

Provincia de A Coruña:

  • Por contaminación: Mina de Monte Neme.
  • Por mala xestión: Vertidos contaminantes na costa de Ferrolterra pola mala xestión dos residuos na rede de saneamento.

Provincia de Lugo:

  • Por contaminación: A degradación ambiental da illa Pancha polo desleixo das administracións.
  • Por mala xestión: Degradación da praia das Catedrais – Augas Santas pola falta de aplicación do seu plan de conservación.

O grave impacto ambiental da ampliación do Porto Deportivo do concello de Baiona  recibe a bandeira negra por contaminación da província de Pontevedra.

O proxecto de ampliación do Porto Deportivo de Baiona contempla recheos sobre a lámina de auga da ría de Vigo que incrementarían a superficie do porto, a construción dun edificio para usos hostaleiros, un aparcadoiro e un novo varadoiro, así como o aumento do número de amarres de 340 a preto de 550. O proxecto podería vulnerar varias directivas da Unión Europea, como a Directiva Hábitats 92/43/CEE, a Directiva Marco da Auga 2000/60/CE, a Directiva Marco sobre a Estratexia Mariña 2008/56/CE, e a normativa sobre avaliación de impacto ambiental. En particular, sinalan a ausencia dunha avaliación ambiental actualizada, o incumprimento do principio de precaución e o risco de deterioro dos hábitats protexidos, motivo polo cal esixen a paralización inmediata da ampliación.  A plataforma veciñal Salvemosantamarta e diversos colectivos ambientais rexeitan o proxecto, denunciando que o recheo poría en risco a calidade do litoral, a paisaxe, a praia de Santa Marta e a biodiversidade mariña, perpetuando un modelo de turismo estacional que sobrecarga os recursos locais.

As agresións urbanísticas na costa de Cabo Estai, concello de Vigo,  recolle a bandeira negra por mala xestión da província de Pontevedra.

Esta Bandeira Negra concédese ao Concello de Vigo e aos promotores da urbanización con 6 chalets no espazo natural litoral de Cabo Estai. Unha obra que retorce a legalidade urbanística desprotexendo terreos non urbanizables, afectando ao dominio público marítimo-terrestre e construindo un vieiro asfaltado que usurpa fincas da veciñanza. Unha bandeira ademais para expresar a solidariedade coa mobilización da Asociación veciñal de San Miguel de Oia e o seu presidente, quen foi denunciado polos promotores por cuestionar esta desfeita ambiental e urbanística.

A mina de Monte Neme nos municipios de Carballo e Malpica recolle a bandeira negra por contaminación da provincia de A Coruña.

O 31 de xaneiro de 2026 produciuse a rotura dunha das balsas de residuos mineiros do Grupo Mineiro Monte Neme. O colapso provocou a saída dun gran volume de augas contaminadas e lodos mineiros que descenderon pola ladeira ata alcanzar o rego de Tuixe, o rego dous Riás e finalmente a Praia dos Riás, dentro da ZEPA Costa da Morte, espazo integrado na Rede Natura 2000. O accidente produciuse durante a execución das obras de restauración impulsadas pola Xunta de Galicia e financiadas con fondos europeos Next Generation EU, cuxo obxectivo era precisamente eliminar os riscos ambientais asociados ás antigas explotacións mineiras e descontaminar as augas acumuladas nas balsas. A rotura constitúe o segundo episodio grave rexistrado nestas instalacións en apenas doce anos, despois do colapso doutra balsa ocorrido en febreiro de 2014. A repetición dun desastre similar pon de manifesto o fracaso de décadas de xestión administrativa e a incapacidade das administracións competentes para resolver de forma definitiva un problema ambiental coñecido desde hai máis de trinta anos.

O EDAR de Cabo Prioriño, concello de Ferrol , polos vertidos contaminantes na costa de Ferrolterra pola mala xestión dos residuos na rede de saneamento Cabo Prioriño, concello de Ferrol recibe a bandeira negra por contaminación da provincia de A Coruña.

Durante décadas a costa de Ferrolterra sufriu o impacto da chegada de augas residuais sen tratamento adecuado, o que provocou a degradación dos ecosistemas mariños e o peche de bancos marisqueiros. Entre os problemas máis visibles destaca a presenza de residuos sólidos, especialmente toalliñas húmidas, que chegan ao mar durante episodios de fortes choivas. Esta situación resulta especialmente preocupante ao tratarse dun espazo de alto valor ecolóxico, integrado na Rede Natura 2000 e declarado Zona Especial de Conservación polo Decreto 37/2014, ademais de formar parte das áreas importantes para a conservación das aves identificadas por SEO/BirdLife.

A degradación ambiental da illa Pancha polo desleixo das administracións públicas, no concello de Ribadeo, recolle a bandeira negra por contaminación da provincia de Lugo.

O da Illa Pancha é un caso de privatización dun ben público pertencente a un espazo protexido, outorgándolle un uso non contemplado na normativa destes espazos sen a preceptiva xustificación do interese xeral, sen contar con informes sectoriais obrigatorios e sorteando o procedemento regrado con falacias e opacidade. No seu último escrito do 13 de xuño de 2024 o Defensor notifica que a Consellería de Medio Ambiente «manifiesta aceptar la Recomendación formulada, referida al cumplimiento del apartado cuarto del artículo 46 de la Ley 42/2007, del Patrimonio Natural y de la Biodiversidad», e comprométese a adoptar «las medidas precisas para el cumplimiento de la Resolución en las próximas certificaciones que emita sobre los posibles efectos de un proyecto sobre los espacios de la Red Natura 2000 de Galicia.». Como pode observarse, a Consellería recoñece que non se está a cumprir a legalidade, pero elude comprometerse a corrixir a situación neste caso concreto. Pola súa parte a Administración Portuaria e o Concello derivan a responsabilidade ambiental na Consellería, mentres evitan esixir o cumprimento dos trámites preceptivos nos seus respectivos procedementos de outorgamento de concesións e licencias.

A degradación da praia das Catedrais – Augas Santas pola falta de aplicación de su plan de conservación, no  concello de Ribadeo recibe a bandeira negra por mala xestión da provincia de Lugo.

A historia da xestión da praia de As Catedrais – Augas Santas é moi representativa do xeito de protexer o noso patrimonio natural en Galicia, xa que aprobáronse recoñecementos ao patrimonio natural que máis que figuras de protección son promoción turística que incrementa a súa vulnerabilidade. A Xunta de Galicia tardou décadas en deseñar os plans de protección requiridos, facilitando así a súa degradación. Cando finalmente chegaron eses plans, non se implementan nin se destinan os fondos precisos para a súa xestión, quedando en papel mollado. No ano 2025 cumpríuse unha década da publicación do Plan de Conservación do Monumento Natural da praia de As Catedrais e dúas da aprobación desa figura de protección, mais os problemas seguen aí. As novas seguen a falar de saturación, mal comportamento, degradación e inacción das administracións responsables alén de seguir a promovela coma reclamo turístico.

A factoría celulósica de ENCE na ría de Pontevedra.

Aínda que non sinalada este ano expresamente nos informes particulares, a factoría celulósica de ENCE na ría de Pontevedra non pode deixar de ser mencionada no informe Banderas Negras.As súas continuas malas prácticas ambientais e conflitos de interese con distintas administracións, comezando pola Xunta de Galicia, segue tendo a marca de bandeiras negras en Galicia. Agora, a Comisión Europea dá a razón ao movemento social, na liña defendida pola Asociación Pola Defensa da Ría, na súa demanda ao Gobierno español para que adapte a Lei de costas ás normas comunitarias no que ás prórrogas se refire.  Ábrese a porta a que se aprobe o novo regulamento da lei elaborado polo goberno central onde, entre outras cousas, establece que as concesións en dominio público que poidan ser inundables (como no caso de ENCE) poderán ser revogadas e, en todo caso, que ningunha concesión en dominio público poderá estenderse máis aló dos 75 anos en total con efectos retroactivos, co cal ENCE tería que abandonar Lourizán no ano 2033 no canto de 2073.

Dunha bandeira negra a un proceso de restauración ecolóxica.

Con todo, e co obxectivo de defender e traballar para que outros futuros sexan posibles, nesta edición a organización ecoloxista puxo o foco nas solucións e para iso, presentou a restauración ecolóxica da natureza como eixo central do informe.  A restauración ecolóxica consiste en axudar á recuperación dun ecosistema que foi degradado, danado ou destruído. Pode levarse a cabo de forma activa, mediante intervencións destinadas a restablecer funcións naturais, ou de forma pasiva, permitindo que os ecosistemas se recuperen por si mesmos, unha vez eliminadas as presións. O Regulamento sobre a Restauración da Natureza, en vigor desde agosto de 2024, inclúe obxectivos vinculantes de restauración de hábitats e especies costeiras, establecendo metas para recuperar progresivamente os ecosistemas terrestres, costeiros e mariños degradados, co obxectivo de mellorar o seu estado de conservación nas próximas décadas. No informe propóñense actuacións específicas sobre algúns lugares do litoral que recibiron unha bandeira negra e onde, se se intervén neles mediante a restauración, sería posible reverter, en certa medida, a perda de biodiversidade, aumentar a adaptación fronte aos impactos do cambio climático e mellorar a calidade ambiental dos territorios. Existen experiencias no Estado español que demostran que, cando existe vontade política e permítese á natureza recuperar o seu espazo, esta responde positivamente.

A elaboración deste informe foi posible grazas á coordinación da rede de persoas activistas e voluntarias dos grupos locais de Ecoloxistas en Acción ou de organizacións amigas que, grazas ao seu traballo, fixeron posible que o informe de Banderas negras saia á luz un ano máis.


Banderas Negras / 

Información en la que puede confiar:

Reuters, la división de noticias y medios de comunicación de Thomson Reuters, es el mayor proveedor de noticias multimedia del mundo, con un alcance diario de miles de millones de personas en todo el mundo. Suscríbase a nuestro boletín informativo diario gratuito: thomson@reutersmarkets.com