En Marea •  Redacción •  Galicia •  30/08/2016

Luís Villares: “En Marea representa o fin do caciquismo e da corrupción que alimenta a coalición Baltar-Feijóo”

En Marea presentou esta mañá en Ourense as súas propostas en materia de transparencia e participación cidadá.

Luís Villares: “En Marea representa o fin do caciquismo e da corrupción que alimenta a coalición Baltar-Feijóo”

O candidato á presidencia da Xunta de Galicia, Luís Villares, asegurou que En Marea non escolleu Ourense, “o centro do caciquismo” para traer un remedio contra el, “estamos aquí para lles comunicar que vai tocando fin”. “O caciquismo, a corrupción non son casos puntuais, non son casos illados, o caciquismo é corrupción e a corrupción non é unha dexeneración, non é unha forma de goberno” salientou. No caciquismo non existe democracia, non representa os intereses da cidadanía pero tamén é non contar con ninguén á hora de gobernar. “En Marea representamos a fin do caciquismo, porque o que traemos é unha marea de democracia con exemplos como David Rodríguez, un alcalde exemplar dunha vila exemplar, construída non desde un modelo previsible e asimilable a calquera outro, senón un modelo de vila innovador, cun modelo económico innovador porque achegou a súa veciñanza á administración  a ser parte da administración” afirmou o candidato á presidencia de En Marea referíndose ao número 2 da candidatura ourensá.

Villares referiuse á cabeza de lista de ourense Ánxeles Cuña, como exemplo de muller, de persoa traballadora da cultura que cre na cultura e que desde a cultura se debe transformar. “Unha persoa que coñece o noso modelo cultural, que sabe en que estado se atopa e o que hai que cambiar, que ten claro que cun modelo afastado da cidadanía, que cun goberno, cunha administración afastadas da cidadanía atópanse tres cousas: caciquismo, corrupción e mala xestión” afirmou.

“Xosé Manuel, David, Ánxeles e máis eu chegamos aquí sen ser colegas de ninguén, nin socios,  nin nada, chegamos aquí escollidos por máis de 11.000 persoas, por un proceso máis que aberto que tivo como resultado nada máis e nada menos que 75 persoas, 75 rebeldes competentes que estamos aquí para cambiar este país. Pero non podemos facelo sos nin soas, necesitámosvos a todos e a todas, necesitamos que nos empurredes, que nos critiquedes, que participedes das nosas decisións. Crearemos unha lei galega de participación democrática, para que as demandas que emanen da sociedade cheguen onde teñen que chegar, facilitando a presentación de ILP’s e eliminando a capacidade de veto que sobre elas ten o parlamento” anunciou o candidato á presidencia da Xunta, Luís Villares.

A cabeza de lista de En Marea, Ánxeles Cuña, fixo referencia a loita anticaciquil da que Ourense foi testemuña, “unha loita pola democracia, que vai máis alá de gobernarnos ou escoller quen nos goberna, é a loita de todos os días e que debe chegar a todos os aspectos da vida. “Este é un atinado principio feminista, non só pola razón que ten senón tamén pola singularidade do que nos di: todo o que facemos afecta a todo o que nos rodea”. Este é un principio político que é fundamental” defendeu a cabeza de lista. É precisa a participación cidadá no deseño dos servizos públicos comunitarios de todos os implicados, e é con participación que queremos levar a cabo un programa de intervención sobre o sistema cultural galego, o Plan Cultura 2017/2020. Anunciou tamén a creación dun observatorio de políticas públicas, que corrixa ou reforce aquelas cousas que o precisen.

O número 4 da candidatura de Ourense, Xosé Manuel Pérez Bouza, destacou o feito de ter escollido Ourense capital para falar de democracia, “a terra do porco de pé, do alcalde imputado por corrupción, a terra dun Baltar, e o doutro Baltar e dos que virán se non lle poñemos remedio”. “A terra dos caciques de todo a cambio dun favor, das subvencións, dos investimentos e dos postos de traballo” denunciou Rodríguez. Unha terra que ten o saldo de poboación máis negativo do Estado, cun número de emigrados que non deixa de medrar. “Nós queremos esta terra e queremos protexela cunha lei do solo que conte con todas vós, queremos acabar coas políticas deseñadas contra o ensino no rural e queremos facelo coas asociacións de profesionais da área, coas asociacións de nais e pais e coa veciñanza” declarou o número 3 de Ourense.

Reforma da lei electoral galega para garantir a igualdade

Unha das propostas presentadas esta mañá en Ourense é a reforma seria e traballada da lei electoral galega, que modernice a norma e a adapte á realidade actual do país, sincronizándoa coa demanda democratizadora expresada pola cidadanía. “Fronte ao recorte de parlamentarios que pretendía Feijóo, un dos tantos proxectos de maquillaxe que quedaron en nada nos últimos oito anos, precisamos unha modificación lexislativa que revise as actuais circunscricións, avance nas garantías de igualdade de xénero (a paridade e listas en cremalleira), axilice a participación dende o exterior e deite máis luz sobre o financiamento das campañas electorais” explicou Villares.

Orzamentos participativos en 2018, porque sumando intelexencias decidimos mellor

Os orzamentos participativos xa son unha realidade nas principais cidades galegas. As experiencias dos gobernos municipais de Santiago e A Coruña demostran que a cidadanía participa con responsabilidade e sentido do ben común cando se habilitan os mecanismos necesarios. O futuro goberno de En Marea incidirá neste proceso de ampliación e innovación democrática e permitirá que unha porcentaxe do investimento da Xunta sexa decidido directamente pola xente en 2018, sempre baixo os principios da viabilidade, a responsabilidade, a sustentabilidade e o ben común. Porque entre todas e entre todas, sumando intelixencias, decidimos mellor o destino dos recursos comúns.

Lei galega de lobbies para coñecer quen e como inflúe no deseño das políticas públicas
 
Empresas, fundacións ou medios de comunicación teñen moitas veces máis influencia sobre as políticas públicas que os principios do ben común e o bo goberno ou a cidadanía organizada. As “portas xiratorias”, mediante as que se compran vontades e se pagan favores nun mecanismo institucionalizado de corrupción de baixa intensidade, aliméntanse da falta de transparencia no exercicio das responsabilidades públicas e o descoñecemento dos actores que determinan, sen pasar nunca polas urnas, o destino dos recursos de todos e de todas. É por iso que, ao igual que outras administracións en proceso de modernización, En Marea impulsará na lexislatura que comeza en setembro unha lei de lobbies. Unha norma que poña freo ao goberno antidemocrático das grandes empresas e que lle permita aos cidadáns e ás cidadás coñecer mellor quen e como inflúe, ou pretende influír, nas decisións do seu goberno.
 
Observatorio independente para avaliar e fiscalizar as políticas públicas
 
A avaliación das políticas públicas, tanto dos resultados como do proceso de implantación, considérase un elemento chave na formulación de novas propostas e tamén é unha ferramenta de control democrático. A cidadanía non só quere saber en que se gasta o seu diñeiro senón tamén información veraz acerca dos resultados que se obteñen con ese gasto, tanto dende o punto de vista da eficiencia económica como da eficacia na resolución de problemas. En Marea creará un observatorio autonómico independente coa finalidade de avaliar e auditar os distintos procesos reguladores e propoñer medidas correctoras no caso de ser necesarias.
 
Lei galega de participación democrática
 
A cidadanía debe poder exercer o dereito a influír de xeito directo na actividade lexislativa do Parlamento de Galicia. En Marea avanzará na elaboración dunha lei de participación que inclúa mecanismos de proposición e decisión, que rebaixe os límites na iniciativa lexislativa popular e que favoreza a convocatoria de referendos en aquelas cuestións que posúan un carácter estratéxico ou sexan dunha especial relevancia, así como a realización de procesos participativos para aquelas decisións relevantes para as galegas e galegos. Esta lei levará aparellada tamén a creación dunha plataforma dixital que axilice o diálogo da cidadanía coa administración e facilite a súa participación.
 
Participación e transparencia en todas as áreas de goberno

En Marea aposta decididamente pola coprodución das políticas públicas e a implementación de mecanismos de participación e transparencia en todas as áreas de goberno. Por iso, derrogará a Lei 2/2016 do Solo de Galicia porque fomenta a especulación inmobiliaria e a expansión urbana incontrolada, considerando o medio rural como espazo residual excluído da planificación. Deste xeito, En Marea aprobará unha nova lei do Solo contra a especulación, que garanta o dereito de todas as persoas a participar nos procesos de toma de decisións urbanísticas, o acceso a unha vivenda digna nunha contorna amable e confortable, promova a rehabilitación integral das zonas históricas e dos barrios máis vulnerables, evite a especulación do solo e a corrupción urbanística, conserve o patrimonio cultural construído e os sinais de identidade, reforce a seguridade xurídica e o cumprimento da normativa urbanística en condicións de igualdade para todas as persoas e ordene os usos do solo evitando a especulación.
 
Na xestión do sistema sanitario, se recuperará o sistema de información sanitaria para garantir a transparencia en xestión dos recursos, impedindo a utilización dos datos sanitarios da poboación polas multinacionais e elaborar un Diagnóstico da Situación do Sistema. Os centros sanitarios publicarán unha memoria anual que inclúa recursos, actividades e resultados. Se integrará no SERGAS todos os servizos asistenciais incluíndo GALARIA, o Cribado de Mama, o Rexistro Galego de Cancro e a Atención ás Drogodependencias, para garantir a integralidade e a equidade da asistencia e evitar os conflitos de intereses.
 
No ámbito cultural, se creará un órgano de participación social para o deseño, a avaliación e o seguimento da política cultural na procura dunha relación transversal entre a cultura e outros ámbitos da vida social e económica. O obxectivo é artellar espazos de deliberación e acordo co tecido cultural vivo da nosa sociedade, acubillando a pluralidade cultural, territorial e mesmo social que ten este eido. Este órgano, formado pola cidadanía, sectores culturais, universidades e Administración, será o encargado da elaboración dun Plan Cultural 2017/2020.
 
No plano educativo, a Xunta potenciará campañas de educación para o desenvolvemento e a sensibilización social, promovendo a implicación directa dos departamentos autonómicos con responsabilidades en áreas como Educación, Mocidade, Benestar Social e Igualdade. No marco do Sistema Universitario Galego promoverase a creación dun mestrado no ámbito de cooperación ao desenvolvemento e axuda humanitaria. Así mesmo se incrementarán as bolsas de formación en cooperación ao desenvolvemento ata un mínimo de 20 en 2020 e mellorará as condicións económicas dos bolseiros e bolseiras.
 
A educación no rural contará cunha atención específica ás súas necesidades desenrolando un tratamento lexislativo específico, especialmente no que atinxe aos requisitos mínimos dos centros, a estrutura organizativa e a normativa de funcionamento. Medidas inmediatas para valorizar o modelo de escola rural e para reverter o desmantelamento que vén padecendo nas dúas últimas lexislaturas no marco dun Plan Estratéxico para o Desenvolvemento do Medio Rural Galego.


En Marea /