Redacción •  Galicia • 14/05/2019

Ferrol en Común reúne ás candidaturas municipalistas de esquerda para falar sobre as políticas volcadas nas necesidades da cidadanía

O centro Cívico de Caranza acolleu o acto de Ferrol en Común que levaba por título “Conversas en Común”, presentado por Xiana Penedo, a candidata número dous por Ferrol en Común, xunto ás persoas alcaldables das candidaturas municipalistas, así como o voceiro de Anova, Antón Sánchez, a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla e Jorge Suárez, alcalde de Ferrol e candidato á alcaldía por Ferrol en Común.

Ferrol en Común reúne ás candidaturas municipalistas de esquerda para falar sobre as políticas volcadas nas necesidades da cidadanía

Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida, resaltou que se sentía “contenta”, xa que “os resultados que imos ter van reforzar o traballo que se fixo neste tempo e, nos sitios que non gobernamos, imos ter a oportunidade de entrar”. “Falaba Pilar Díaz, alcaldesa de Mugardos, sobre os obstáculos que teñen os gobernos de esquerda”, pero aínda por riba diso, “temos que reclamar a necesidade de ter fondos, de entenderse para superar eses paos nas rodas e poñer en marcha proxectos moi necesarios para os municipios da esquerda”.

Respecto ás Eleccións Europeas, Solla sinalou que “as decisións que se teñen tomado nos últimos anos dende a Comisión Europea condicionaron a economía de Galicia e de España e se reflectiron nos recortes, polo que temos que recuperar a soberanía dos estados membros e da capacidade de defender as necesidades do noso país en temas tan básicos como a industria e a agricultura. Non se poden facer deslocalizacións: que se vaian as empresas de Galicia e que aquí non pase nada. Queremos manter noso traballo”.

Tamén Jorge Suárez, alcalde de Ferrol e candidato á alcaldía por Ferrol en Común, sinalou que “estes catro anos foron intensos e complexos, de moito traballo e de loita contra, incluso, os poderes que non foron votados. Pero o importante e o traballo feito, en cultura, en políticas de benestar, en servizos sociais…”.

Jorge Suárez destacou tamén “a fraternidade das veciñas e veciños respecto ao traballo feito ata agora”. “Este é un novo ciclo e, se algo aprendimos, é que Ferrol en Común está máis unido que nunca: todo o traballo se fai de forma conxunta, coa cabeza e o corazón á esquerda”, dixo.

“Estas eleccións teñen unha dicotomía: un goberno de Ferrol en Común o do PP. Se queremos un goberno por e para a xente, esta é a nosa candidatura; se queremos unha  candidatura que implemente o copago ou os pelotazos inmobiliarios, temos ao PP”, apuntou. Por último, Suárez pechou sinalando que non concibe a vida sen “alegría, sen traballo e sen fraternidade e xenerosidade”.


Eva Solla /  Ferrol en Común /  Redacción /