Redacción •  Galicia •  11/10/2025

Esquerda Unida reuniu hoxe ao seu Consello Político Nacional no que se trataron as liñas de traballo para este inicio de curso político

  • O Coordinador nacional tamén trasladou a posición de Esquerda Unida sobre a acollida de menores migrantes, criticando a negativa dos Gobernos do Partido Popular a asumir a organización establecida polo Goberno do Estado.
Esquerda Unida reuniu hoxe ao seu Consello Político Nacional no que se trataron as liñas de traballo para este inicio de curso político

Lino Costas, Coordinador nacional de Esquerda Unida, fixo un balance do contexto político dos últimos meses no que destacou asuntos como a vaga de lumes que asolou este verán especialmente a Galicia, nomeadamente na provincia de Ourense. “Dende Esquerda Unida seguiremos pulando por medidas que van arredor da limitación das especies pirófilas, a recuperación do noso bosque autóctono, o fomento da gandeiría extensiva, e facendo especial fincapé na mellora das condicións laborais do persoal de prevención de lumes, feito que pasa pola reversión da privatización dos medios de extinción”

Así mesmo, o Coordinador nacional tamén trasladou a posición de Esquerda Unida sobre a acollida de menores migrantes, criticando a negativa dos Gobernos do Partido Popular a asumir a organización establecida polo Goberno do Estado, dificultando a integración educativa, social, cultural e laboral con plenos dereitos destas persoas na sociedade.

Igualmente, Costas tamén anunciou que a organización política comezará xa coas tarefas cara as vindeiras eleccións municipais, “tanto no interno na proposta política coma nas relacións cos diferentes movementos sociais nas diferentes localidades galegas”.

Por último, o Coordinador Nacional valorou positivamente os últimos pasos dados polo Goberno do estado, “froito da presión exercida pola mobilización social, mais consideramos que debería ir moito máis lonxe nesas medidas, co obxectivo de illar totalmente ao estado de Israel mentres estea masacrando ao pobo palestino”.


Esquerda Unida /