Redacción •  Galicia •  23/05/2026

Esquerda Unida considera que a nova política do SERGAS “confirma a deriva privatizadora e antisocial”

  • Lino Costas: “Condicionar incentivos económicos á duración das baixas é unha presión intolerable sobre os profesionais sanitarios e un ataque aos dereitos das persoas traballadoras”.
Esquerda Unida considera que a nova política do SERGAS “confirma a deriva privatizadora e antisocial”

Esquerda Unida denunciou hoxe o novo sistema impulsado para o SERGAS. “O feito de que o Sergas outorgue un plus de productividade áos médicos en función de que acorten a duración das baixas laborais vén afondar no que xa manifestara hai uns meses o presidente da Xunta cando anunciou un plan para reducir o suposto fraude dos traballadores nas baixas laborais e dando maior capacidade de control ás mútuas” apunta Lino Costas, coordinador Nacional de EU. Para a formación, esta medida “supón unha gravísima inxerencia nas decisións clínicas e un intento evidente de introducir criterios económicos nun ámbito que debería responder exclusivamente á saúde das persoas”.

En palabras de Lino Costas, “o feito de condicionar o plus de produtividade á duración das baixas laborais, é sen dúbida un intento de sobornar aos profesionais sanitarios para que teñan ese factor económico en conta á hora de determinar a procedencia ou a duración dunha incapacidade temporal”.

Esquerda Unida lembra que esta medida encaixa coa liña xa marcada polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, cando anunciou meses atrás un plan para reducir o suposto “fraude” nas baixas laborais e incrementar o control das mutuas privadas sobre estes procesos. “Estamos vendo como o PP constrúe un relato profundamente perigoso no que as persoas traballadoras enfermas pasan a ser sospeitosas permanentes”, engade Costas.

Para a organización, o Partido Popular dirixe o SERGAS “coma se fose unha empresa privada, poñendo os intereses das empresas por riba da saúde das traballadoras e traballadores e priorizando os intereses empresariais e a redución de custos por riba da protección da saúde pública. Unha lóxica mercantilista incompatíble cun sistema sanitario público baseado na confianza clínica e na atención ás necesidades reais das persoas” sinala o coordinador.

Esquerda Unida cualifica como “especialmente grave” o novo anuncio, e considera que o que debería preocupar á Xunta é o deterioro da atención primaria, as listas de espera interminables, a falta de profesionais e as condicións laborais “que provocan enfermidades” afirma Lino Costas. “Pero prefiren sinalar ás persoas traballadoras e poñer o foco nun suposto fraude masivo que non sustentan con datos” conclúe.


sanidad /