Redacción •  Galicia •  29/05/2022

CCOO denuncia á Residencia Santa Lucia da Fonsagrada pola vulneración da liberdade sindical das traballadoras

  • Unha das traballadoras foi despedida por presentarse na candidatura deste sindicato.
CCOO denuncia á Residencia Santa Lucia da Fonsagrada pola vulneración da liberdade sindical das traballadoras

Instamos á Consellería de Política Social a que deixe de mirar para outro lado e extreme a vixiancia sobre as malas prácticas en dereitos laborais que é evidente que repercuten na calidade da atención ás persoas residentes.

CCOO de Lugo denuncia a vulneración da liberdade sindical na empresa RESIDENCIA SANTA LUCIA DA FONSAGRADA polo despedimento de unha traballadora presentada para as eleccións de delegada de persoal, a falta de vontade negociadora por parte da empresa e a súa «evidente hostilidade» cara a este proceso de eleccións.

A traballadora foi despedida ó día seguinte do preaviso de eleccións e presentación da súa candidatura argumentando unha falta disciplinaria da que ata o momento do preaviso das eleccións non tiña relevancia algunha ante a empresa, tal e como recollen as conversacións previas entre as partes implicadas.

CCOO critica a actuación da empresa ante a vulneración da liberdade sindical cara ás traballadoras xa que dende o primeiro momento que se iniciou o proceso de eleccións sindicais, comezaron as coaccións e ameazas por figurar nunha candidatura de CCOO, continuando a día de hoxe. Estas prácticas abusivas xa foron denunciadas ante a Inspección de Traballo, igualmente impugnouse o proceso electoral ante a Xunta de Galicia ó excluír a traballadora despedida do censo, cuestión que xa foi resolta favorablemente para CCOO nun laudo arbitral, obrigándolle á empresa a incluíla como electora e elixible neste proceso electoral.

Así tamén CCOO pon de manifesto a precariedade laboral á que están sometidas as traballadoras que ata agora non deran o paso de loitar polos seus dereitos e foron obxecto de cambios de categorías profesionais inferiores coa correspondente baixada de soldo e desempeñando funcións que non lles corresponden, o igual que asinar nóminas por importes superiores do que lles pagaban, non respectar as xornadas laborais e moito menos os descansos establecidos no convenio colectivo.

Ante tales abusos laborais e a negativa da empresa a negociar unhas condicións básicas e dignas negándose sistematicamente a cumprir co convenio colectivo que lles corresponde, as traballadoras decidiron dar o paso de exercer a súa liberdade sindical, custándolles así a unha o posto de traballo e o resto unha situación intolerable de acoso laboral por parte da empresa.

Por último, CCOO advirte de que «non deixaremos de chamar as cousas polo seu nome», e de seguir a empresa boicoteando o proceso electoral e non respectar as normativas vixentes tanto en materia laboral como de saúde pública, CCOO convocará concentracións proximamente diante deste centro de traballo para dar a coñecer a toda a poboación as súas deficiencias e neglixencias.

Tamén instamos á Consellería de Política Social, da que dependen as residencias da terceira idade, a que deixe de mirar para outro lado e extreme a vixiancia sobre as malas prácticas en dereitos laborais que é evidente que repercuten na calidade da atención ás persoas residentes.


derechos laborales /  Residencias de mayores /  Sindicalismo /