Redacción •  Galicia •  28/07/2026

Activistas galegas e portuguesas ocupan a mina ilegal de San Xoán na Gudiña

Máis de 100 persoas concentráronse contra a prórroga ilegal concedida pola Xunta a unha mina de volframio na Gudiña e antes os seus inminentes impactos transfronteirizos.

Activistas galegas e portuguesas ocupan a mina ilegal de San Xoán na Gudiña

Ecoloxistas en Acción e o Movimento UIVO (Portugal) protagonizaron hoxe unha ocupación internacional da operación mineira ilegal San Juan, promovido pola empresa sueca Eurobattery Minerals, xusto despois dunha concentración na Gudiña que xuntou máis dun cento de persoas. Durante a ocupación despregouse unha enorme faixa de 40 metros de lonxitude esixindo a fin da impunidade mineira.

A mobilización foi protagonizada por integrantes de organizacións ecoloxistas e cidadanía de Galiza e Portugal para denunciar a tramitación dun proxecto que, ademais de afectar un territorio de elevado valor ambiental, pretende desenvolverse sen cumprir as obrigas legais en materia de avaliación ambiental transfronteiriza e de consulta ao Estado portugués.

A mina proxectada sitúase a apenas dous quilómetros da fronteira portuguesa, moi próxima ao Parque Natural de Montesinho e ás cabeceiras do río Rabaçal, un curso fluvial de grande importancia ecolóxica e fundamental para o abastecemento de auga potable de numerosas poboacións do concello de Vinhais. A pesar deste evidente carácter transfronteirizo, nin a autorización inicial nin a recente prórroga da concesión outorgada pola Xunta foron sometidas ao procedemento de avaliación de impactos transfronteirizos previsto na normativa europea e no Convenio de Espoo.

A ocupación simbólica prodúcese nun momento de especial relevancia xurídica para este proxecto. O Xulgado de Instrución nº 1 de Santiago abriu dilixencias para investigar a presunta comisión dun delito de prevaricación na concesión da prórroga de trinta anos da explotación mineira, tras a denuncia presentada por Ecoloxistas en Acción contra o director xeral de Planificación Enerxética e Minas da Xunta e o administrador de Eurobattery Minerals. Segundo a organización ecoloxista, a autorización foi concedida malia existir resolucións xudiciais firmes que obrigaban a someter calquera prórroga a unha nova avaliación de impacto ambiental.

Ecoloxistas en Acción considera especialmente preocupante que a empresa estea promovendo o inicio dos traballos mentres persisten graves dúbidas sobre a legalidade da autorización mineira e sobre o cumprimento da normativa ambiental aplicable. A organización lembra que a protección dos ecosistemas e dos recursos hídricos compartidos entre Galiza e Portugal non pode quedar subordinada aos intereses dunha empresa privada.

A mobilización é impulsada igualmente polo Movimento UIVO, do outro lado da raia, que fixo entrega dunha carta ao alcalde da Gudiña para expresar a preocupación existente en Portugal polas posibles consecuencias ambientais do proxecto e reclamar o respecto dos compromisos internacionais entre ambos os Estados. O alcalde de A Gudiña recibiu unha delegación de representantes dos concellos portugueses afectados e das organizacións ecoloxistas.


minas / 

Información en la que puede confiar:

Reuters, la división de noticias y medios de comunicación de Thomson Reuters, es el mayor proveedor de noticias multimedia del mundo, con un alcance diario de miles de millones de personas en todo el mundo. Suscríbase a nuestro boletín informativo diario gratuito: thomson@reutersmarkets.com