Redacción •  Galicia •  26/03/2022

Victoria ecoloxista frente á mina de litio de Beariz

  • No procedemento xudicial, Ecoloxistas en Acción, personada como co-demandada, alegou que só cabía o arquivo por non terse sometido o proxecto ao trámite de avaliación de impacto ambiental.
  • A organización ecoloxista pide á poboación do Suído e o Seixo non baixar a garda pois a a empresa xa ten outro proxecto listo para presentar iniciando de novo o procedemento.
Victoria ecoloxista frente á mina de litio de Beariz

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza ven de notificar a Ecoloxistas en Acción que a empresa Recursos Minerales de Galicia S.L., filial do grupo SAMCA e titular do permiso de investigación “Alberta 1”, ven de desistir do recurso contencioso-administrativo polo que demandara á Xunta logo de que a administración galega resolvera arquivar o seu proxecto de explotación de litio nas Serras do Suído e Seixo, que afectaba aos concellos de Beariz, Forcarei, Avión e Cerdedo-Cotobade.

A pesar dos númerosos obstáculos interpostos pola Xunta de Galicia para impedir a personación dos colectivos ecoloxistas, Ecoloxistas en Acción participou como co-demandada na causa xudicial. Deste xeito a organización ecoloxista poido desmontar as pretensións da empresa e da Xunta de dar aparencia de legalidade a un procedemento viciado desde o inicio ao ter prescindido da avaliación de impacto ambiental. É demencial que, en pleno século XXI, a Xunta pretenda autorizar minas ignorando o trámite ambiental e os problemas asociados á contaminación radioactiva e de metais pesados, sentencian desde Ecoloxistas en Acción.

Non obstante, desde a organización ecoloxistas alertan que esta victoria é apenas temporal. A empresa mineira xa está ultimando a documentación dun novo proxecto co que iniciará de novo o procedemento de pase a concesión de explotación. Advirten que estarán atentos para evitar os atropelos do anterior trámite, no que se lles impediu o personamento aos distintos colectivos ecoloxistas. Isto propiciou que a organización ecoloxistas denunciara directamente aos cargos responsábeis polo penal. Desta volta realizáronse as advertencias oportunas, pero a continiuidade na obstaculización da participación pública levará a accións xudiciais contra as propias funcionarias, avisan.

O proxecto agora enterrado supoñía ademais un fraccionamento artificial de proxectos, xa que a pesar de que o proxecto presentado apenas detallaba unha primeira fase subterránea, a empresa pretendía explotar sucesivamente media ducia de minas ao longo de 20 kilómetros, incluíndo varias a ceo aberto. Ao mesmo tempo, a empresa Strategic Minerals, que xa comezou a explotación da mina da Penouta, pretende continuar a explotación cara Avión, Boborás e Covelo, onde está tramitando os proxectos “Alberta 2”, “Carlota”, “Macarena” e “Maite”.


medio ambiente /  minería /  Ourense /