Redacción •  Galicia •  22/08/2026

O BNG denuncia o turismo “a granel” da Xunta e reclama un modelo para Galiza que protexa a veciñanza e o patrimonio

  • Saleta Chao insta ao PP a abandonar a imaxe de Galiza como destino “low-cost” sen límites e reclama planificación e diversificación da oferta
O BNG denuncia o turismo “a granel” da Xunta e reclama un modelo para Galiza que protexa a veciñanza e o patrimonio

O BNG denuncia o impacto dun modelo turístico que está a deixar situacións de saturación e comportamentos incívicos en diferentes puntos do País, con consecuencias directas sobre a convivencia e a vida diaria da veciñanza. A portavoz de Turismo do BNG no Parlamento, Saleta Chao, reclama un cambio de rumbo para avanzar cara a un modelo turístico planificado e diversificado que poña no centro a protección das persoas residentes e do patrimonio cultural e ambiental galego.

“Precisamos regular a afluencia de visitantes e rachar co modelo do Partido Popular, que aposta directamente polo turismo a granel e porque veñan máis e máis persoas sen valorar o impacto que isto ten na cidadanía e na veciñanza”, denuncia Chao. A deputada sinala os grupos que entran a berros na Cidade Histórica de Santiago de Compostela ou os colapsos nos accesos a zonas costeiras no Morrazo como exemplos da necesidade de mudar o rumbo da política turística da Xunta.

A portavoz de Turismo do BNG considera que non se trata de cuestionar a importancia da actividade turística, senón de reflexionar sobre un modelo que prioriza o incremento do número de visitantes sen avaliar adecuadamente a capacidade do territorio nin os seus impactos.

“A elevada afluencia turística multiplica a poboación e tensiona servizos públicos como a limpeza, a seguridade, a sanidade, a mobilidade ou o abastecemento de auga, ademais de xerar presión sobre o patrimonio cultural e ambiental e a vida das vilas e cidades”. Chao advirte que o Goberno de Rueda “non pode seguir poñéndose de perfil” ante os impactos do actual modelo turístico.

Un novo modelo turístico para Galiza

Por estes motivos, Saleta Chao vén de rexistrar no Parlamento galego unha batería de iniciativas para impulsar un novo modelo turístico para Galiza baseado na planificación e diversificación da oferta e capaz de abordar os retos do turismo de masas, protexendo a veciñanza e o patrimonio.

A proposta do BNG reclama abordar a política turística desde unha perspectiva transversal, vinculándoa coa ordenación territorial, a vivenda, o urbanismo, a economía e a mobilidade, ao tempo que aposta por avaliar os fluxos turísticos e a presión que soporta cada territorio para que as decisións se adopten a partir de datos.

“Unha Galiza con mellores conexións de transporte para a veciñanza terá tamén mellores conexións para quen nos visita. Unha Galiza na que se garanta o dereito á vivenda da cidadanía, onde se proña freo á especulación e a xentrificación, será tamén unha Galiza onde visitar barrios e vilas vivas, con servizos e con futuro” explica Chao.

A iniciativa reclama tamén reorientar a promoción turística da Axencia Turismo de Galiza para deixar de trasladar a imaxe do País como un destino “low-cost”, apostando por unha promoción vinculada aos recursos e valores culturais e patrimoniais galegos.

“Galiza non pode seguir falando de turismo sustentable como unha etiqueta ou unha estratexia de marketing para captar máis visitantes”, advirte Chao, que defende un modelo capaz de compatibilizar a actividade turística coa vida das persoas residentes e coa protección do territorio.

A deputada nacionalista pon como exemplo as medidas impulsadas desde gobernos do BNG, como o caso de Santiago de Compostela, onde se implantou o imposto ás estadías turísticas para equilibrar os custos que a actividade xera na prestación de servizos públicos.

“Precisamos que se adopten medidas con decisión. Galiza non pode poñerse de costas aos retos que supón a actividade turística para a veciñanza nas distintas vilas e cidades do noso País”, conclúe Chao.


turismo / 

Información en la que puede confiar:

Reuters, la división de noticias y medios de comunicación de Thomson Reuters, es el mayor proveedor de noticias multimedia del mundo, con un alcance diario de miles de millones de personas en todo el mundo. Suscríbase a nuestro boletín informativo diario gratuito: thomson@reutersmarkets.com