Redacción •  Galicia •  12/01/2021

EU denuncia que a ausencia de política pública está destrozando a industria en Galicia e solidarízase cos traballadores de Siemens-Gamesa

Esquerda Unida urxe a trazar un verdadeiro plan industrial para Galicia, que contemple as necesidades de desenvolvemento propias, as necesidades de emprego e o potencial que posúe o país, sobre todo en man de obra cualificada e know how.

EU denuncia que a ausencia de política pública está destrozando a industria en Galicia e solidarízase cos traballadores de Siemens-Gamesa

Compostela 12 de xaneiro de 2021. Onte coñecíase a vontade definitiva de Siemens-Gamesa de pechar as súas prantas en As Somozas e  Cuenca, finiquitando así a totalidade das súas factorías logo do peche en 2020 da pranta ubicada en Navarra. No caso da factoría galega, os despedimentos afectarían a 215 traballadores nunha comarca moi castigada xa nos últimos anos pola perda de emprego industrial.

Esquerda Unida denuncia que a ausencia de política pública en Galicia de planificación, apoio e intervención pública na industria propician situacións coma a que están a vivir os traballadores de As Somozas, cos que Esquerda Unida se solidariza.

En palabras de Eva Solla, Coordinadora Nacional de Esquerda Unida, “esta situación é moi dura para eses traballadores e as súas familias. Pero o peor é que este non é un caso illado. Levamos anos nos que a Xunta asiste impasible a unha progresiva marcha de empresas do noso país sen que a administración faga absolutamente nada. Se a permanecia ou non dunha empresa depende unicamente desa multinacional, a nosa economía está vendida. Sen intervención pública no sector industrial nunca poderemos saír desta situación e sempre dependeremos das decisións destas empresas, que, por suposto, buscan o seu beneficio económico.”

No caso de Siemens-Gamesa, Esquerda Unida denuncia a paradoxo de que cando os parques eólicos non paran de incrementarse no noso país para beneficio, na maioría das ocasións, das grandes eléctricas, esta empresa que fabricaba en Galicia as pas para os aeroxeradores decida pechar. “Todo é prexuízo para Galicia.” sentencia Eva Solla.

Esquerda Unida urxe a trazar un verdadeiro plan industrial para Galicia, que contemple as necesidades de desenvolvemento propias, as necesidades de emprego e o potencial que posúe o país, sobre todo en man de obra cualificada e know how. Esquerda Unida entende que ese plan pasa por unha participación pública decidida na industria, para evitar continuar coa sangría de peche de empresas.


Esquerda Unida /