Redacción •  Galicia •  08/03/2023

Ecofeminismo para unha paz xusta

  • Co motivo da celebración do Día Internacional das Mulleres, e tras un ano da invasión rusa en Ucraína, Ecoloxistas en Acción lanza un manifesto ecofeminista e antibelicista onde pide o fin da guerra en Ucraína e o fin de todas as guerras presentes.
  • A organización ecoloxista tamén se suma ás manifestacións convocadas polos colectivos feministas no Estado español e participará nalgunhas marchas con convocatoria e cartel propios.
Ecofeminismo para unha paz xusta

Ecofeminismo para unha paz xusta é o manifesto que Ecoloxistas en Acción creou para conmemorar o 8M 2023. O texto relaciona o militarismo co patriarcado e defende que a paz é un elemento necesario para garantir calquera forma de vida digna.

O manifesto, que parte do paradigma poñer a vida no centro, defende o coidado, a cooperación, a redistribución e a reconstrución cotiá da supervivencia. Tamén sinala ao patriarcado (en interacción co capitalismo) como o sistema que reflicte e perpetúa a cultura militarista e belicista. Ao tempo analiza como as guerras, ademais de destruír vidas humanas, impactan na vida natural, destruíndo territorios e vida animal, e inciden particularmente nas condicións vitais e os corpos das mulleres.

O manifesto ecofeminista defende a cultura da paz, do bo trato, da construción de acordos e do respecto así como o recoñecemento das mulleres nos procesos de mediación, reparación e pacificación.

Por todo iso, a organización ecoloxista esixe á Unión Europea e a todos os gobernos implicados que traballen activamente para favorecer un acordo que poña fin á guerra en Ucraína e a todas as guerras do presente.

Ademais de lanzar o seu manifesto ecofeminista, Ecoloxistas en Acción mostra o seu apoio ás movilizaciones convocadas por colectivos feministas no Estado español. Nalgúns territorios, como MadridCatalunyaGaliza o País Valencià a organización ecoloxista participará nalgunhas marchas con convocatoria e cartel propios, así como noutras actividades reivindicativas.


[Manifesto] Ecofeminismo para unha paz xusta

O pasado 24 de febreiro cumpriuse un ano desde que as tropas rusas invadiron o territorio de Ucraína. Este triste aniversario fainos lembrar que, como este, moitos conflitos bélicos de alta ou baixa intensidade permanecen activos no planeta, ás veces prolongados durante décadas, e que o punto de encontro de todos eles é sempre o sufrimento de poboacións que padecen os horrores dos enfrontamentos militares.

A área de Ecofeminismo de Ecologistas en Acción quere aproveitar este 8 de marzo de 2023 para manifestar a súa repulsa ante todas as intervencións armadas e o seu defensa da paz con xustiza. A paz é un elemento necesario para garantir calquera forma de vida digna. Conservar o estado de paz debe ser sempre o primeiro obxectivo nas relacións políticas, sociais e humanas.

Como feministas e ecoloxistas, as nosas lóxicas son pacifistas. O conflito bélico válese da confrontación violenta, a apropiación indebida e a destrución; o ecofeminismo defende o coidado, a cooperación, a redistribución e a reconstrución cotiá da supervivencia. Iso que chamamos de forma sinxela «pór a vida no centro».

O armazón militarista, os exércitos, as infraestruturas, as tecnoloxías da guerra son ferramentas que reflicten e sosteñen/perpetúan o sistema patriarcal, unha orde de donos que busca a dominación de mulleres, pobos e terras. Unha ferramenta en contra da autoxestión e o mantemento comunitario do que está vivo.

Cando rompe a paz as mulleres continúan facéndose cargo da reprodución social, tal e como impón o patriarcado, pero esa carga faise máis pesada en tempos de conflito, posto que se dá en condicións de maior carencia, de destrución de redes de apoio, de desabastecemento e falta de saúde.

Nas guerras os corpos das mulleres convértense en territorio de apropiación e de violencia por parte dos soldados. Violacións, exilio, perda de liberdades, aumento das violencias son prácticas que están vinculadas á guerra e que as mulleres sofren en primeira liña.

Durante as guerras priorízanse os requirimentos militares e déixanse en segundo termo ou supedítanse a outras as necesidades básicas da poboación civil. Non só durante as guerras -ou poderiamos dicir que o noso sistema sempre está en guerra, xa que sempre supeditan as necesidades da vida ao mercado, aos intereses económicos, ao poder-.

As guerras arrasan con vidas humanas, pero tamén destrúen o medio natural e a vida de moitos animais. A apropiación de bens naturais escasos está no corazón de moitos conflitos bélicos. En tempos de recursos decrecentes pola sobreexplotación do planeta, a presión militar sobre eles vólvese un risco maior. As guerras consolidan a posición dos grandes poderes económicos. O sistema capitalista axúdase do poder militar, é máis, promóveo, para manter ou aumentar as súas taxas de beneficio.

As negociacións de paz, se ocorren, fanse de costas ás mulleres. Só as visibiliza como vítimas, non como axentes capaces de ofrecer unha visión máis comunitaria, defensora da vida, conciliadora. Os acordos de paz, se chegan, non se enfocan nas necesidades do groso da poboación ou na mellora das condicións de vida das mulleres. Ao terminar a guerra as mulleres que sobreviven asumen boa parte dos traballos de reconstrución material e social, moitas veces tras perder a prole, parellas, amizades. «Non tivemos fillos», din, «para que morran na guerra».

O militarismo normaliza unha lóxica de odio e medo ao Outro na que a violencia se presenta como necesaria. Esta lóxica exacerba o racismo e a discriminación. Ademais, justifica o control da poboación e a perda de dereitos en prol dunha suposta seguridade que protexe dunha suposta ameaza exterior. Ese mundo dividido segundo o binomio amigo-inimigo deteriora as redes comunitarias, esas que moitas mulleres tecen para sosterse e soster ás persoas máis vulnerables. Negámonos a aceptar unha orde que se impón pola forza.

Negámonos a crer que a violencia sexa o único camiño para dirimir desacordos. Como ecofeministas somos pacifistas/antimilitaristas e defendemos a construción dunha cultura da paz e a resistencia non violenta. Sabemos que non é fácil nestes momentos, pero a nosa condición de seres interdependientes deberíanos obrigar a protexer todas as vidas. Estamos convencidas de que a cooperación e non a competencia explican os nosos logros máis valiosos. Por iso sabemos que a paz é posible.

Esiximos ao Goberno español, á Unión Europea e a todos os gobernos implicados que traballen activamente para favorecer un acordo que poña fin á guerra en Ucraína e a todas as guerras do presente.

O mundo é unha soa casa. Como ecofeministas opómonos a todas as guerras e ás violencias que o militarismo e a cultura belicista traen consigo. Necesitamos unha cultura do bo trato, da construción de acordos e do respecto. Moitos pobos, moitas comunidades, moitas mulleres camiñan nesta dirección.


8M /