Redacción •  Galicia •  03/05/2026

BNG propón recuperar as concesións hidráulicas caducadas para que os beneficios revertan no conxunto do pobo galego

  • M. Golpe: “Xa vai sendo hora de que a auga dos nosos ríos se poña ao servizo da xente e non do negocio das empresas do oligopolio eléctrico”.
BNG propón recuperar as concesións hidráulicas caducadas para que os beneficios revertan no conxunto do pobo galego

O portavoz de Enerxía do BNG, Xosé Manuel Golpe, será o encargado de defender no Pleno desta semana a proposta do BNG para recuperar para o público as concesións de explotacións hidráulicas que xa caducaron o van facelo nos vindeiros anos. “Vai sendo moita hora de que a auga dos nosos ríos se poña ao servizo do pobo galego e non do negocio das empresas do oligopolio eléctrico”, asegura.

A proposta do BNG inclúe a creación dunha empresa pública de enerxía, dependente da Xunta, que sería a encargada de xestionar os activos recuperados, de xeito que os beneficios puidesen repercutir, por exemplo, en rebaixas na factura de luz que pagan os galegos e as galegas.

Segundo explica Golpe, actualmente Galiza conta cuns 3.732 MW de potencia hidráulica instalada, o que representa aproximadamente o 18 % da potencia hidráulica do Estado, e unha produción media, con respecto ao Estado, do 23 % na última década. Esta potencia instalada procede de 166 centrais, das que 45 son grandes hidráulicas e as outras 121 pequenas.  

“A pesar de que esa gran capacidade de produción hidroeléctrica supuxo uns custos sociais e ambientais moi importantes, Galiza non obtivo ningún beneficio desta actividade económica”, apunta, ao tempo que reclama ao Goberno de Rueda que “abandone a súa pasividade” para actuar, tendo en conta que “é de xustiza que a auga dos nosos ríos se converta en riqueza para todas as galegas e galegos”. 

A iniciativa do BNG fai referencia aos saltos ou encoros que levan case un século dando rendemento económico a grandes empresas e que, como é o caso das situadas no Tambre, chegan agora ao fin da concesión que, segundo establece a lei, non pode ter un prazo superior aos 75 anos.  

A modo de exemplo, o deputado nacionalista explica que unha minicentral das caducadas no Tambre —na demarcación Galiza-Costa—  de 2,3 MW, pode producir entorno aos 14 GWh anuais que, segundo o prezo medio negociado de 2022 e un custo de produción que non supera os 10 euros, supón un ingreso superior aos 2 millóns de euros. 

Xosé Manuel Golpe recoñece que, a día de hoxe, “saber cantas hidroeléctricas temos en Galiza en explotación coa concesión caducada e/ou vencida é unha cuestión de fe”, pois hai incluso variacións utilizando información da mesma fonte, “desde as once —dato actual de Augas de Galiza—até máis de 30”, afonda. 

É por iso que o BNG inclúe na proposta que leva ao Pleno esta semana a necesidade de realizar un  inventario completo de todas as concesións hidroeléctricas que existen en territorio galego no que se inclúe a data exacta de vencemento, empresa titular, potencia instalada e ingresos estimados.

A iniciativa nacionalista propón así mesmo a restauración ambiental ligada ao rescate das centrais, cunha “adaptación á nova realidade hídrica e legal con redución de regulación estrica, medidas de corrección de caudais ecolóxicos, escalas para peixes ou a regulación de auga desembalsada para evitar que afecten á produción dos bancos marisqueiros”.


agua /