Redacción •  youtube.es •  Galicia •  30/03/2020

Martiño Noriega urxe a Feijóo a garantir o uso dos recursos privados na loita contra o coronavirus na capital galega

O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas incide en que “a Xunta debe intervir os centros sanitarios privados e utilizar as súas camas, antes de recorrer a un hospital de campaña no Multiusos de Sar”. 

Martiño Noriega urxe a Feijóo a garantir o uso dos recursos privados na loita contra o coronavirus na capital galega

Martiño Noriega ven de urxir ao presidente da Xunta a “exercer as súas competencias e utilizar as ferramentas habilitadas polo Goberno central no decreto de declaración do estado de alarma, para poñer os recursos da sanidade privada ao dispor do conxunto da cidadanía diante da crise da Covid-19”. Nesa liña, o integrante da coalición Galicia En Común-Anova Mareas esixiulle a Alberto Núñez Feijóo “que utilice todas as camas dispoñibles nos dous hospitais privados de Santiago, ambos do grupo HM, antes de copiar o modelo Ifema”

Martiño Noriega reiterou esta fin de semana que “un hospital de campaña no Multiusos Fontes do Sar debe ser a última opción para o tratamento das persoas afectadas polo coronavirus”. Antes, incidiu o tamén voceiro de Compostela Aberta, “a Xunta debe utilizar as camas que estean dispoñibles nos hospitais La Rosaleda e La Esperanza, dous centros privados que a administración pública pode intervir en función do decreto de declaración do estado de alarma”.

O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas lembrou que os dous hospitais pertencen ao grupo HM, que tal e como trascendeu nos últimos días “vén de pedirlles aos seus traballadores e traballadoras que collan as súas vacacións ou se acollan a excedencias en plena pandemia do coronavirus para aforrar custos, e iso que falamos dunha empresa que pechou 2018 cuns beneficios netos de máis de 60 millóns de euros, catro millóns de euros máis que o ano anterior, e que vén incrementando a súa facturación a unha media dun 15 por cento nos últimos exercicios”. Martiño Noriega lembrou que “parte desa facturación en Galicia tén que ver cos concertos da empresa co Sergas para a derivación de doentes para diferentes probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas”.

Os hospitais de La Rosaleda e La Esperanza suman 119 camas, segundo o Catálogo Nacional de Hospitales publicado polo Ministerio de Sanidade en 2019, unidades de hospitalización que, insitiu Noriega, “deben ser utilizadas para atender a enfermos e enfermas da Covid-19, na medida no que estean dispoñibles”. 


Alberto Núñez Feijóo /  Galicia en Común-Anova Mareas /  Martiño Noriega /  Partido Popular /  PP /  Santiago de Compostela /  SERGAS /  Servizo Galego de Saúde /  Xunta de Galicia /