Grupo Parlamentario de En Marea •  Redacción •  Galicia • 23/08/2019

Antón Sánchez considera como «absolutamente escandalosa» a tramitación administrativa do PP do parque eólico da Serra do Oribio

O vicevoceiro do Grupo de En Marea e portavoz nacional de Anova detallou esta semana en rolda de prensa as numerosas irregularidades detectadas no procedemento do proxecto denunciando a sistemática complicidade do actual Executivo da Xunta coas grandes empresas do sector e contra o interés xeral da poboación.

Antón Sánchez considera como «absolutamente escandalosa» a tramitación administrativa do PP do parque eólico da Serra do Oribio

O deputado advertiu que a tramitación do parque eólico da Serra do Oribio, entre os concellos de Triacastela e Samos fíxose «dun xeito rocambolesco» sen ter en conta as afectacións a valiosos valores naturais e patrimoniais e sen considerar a posibilidade de estratar unha das paisaxes «máis fermosas do país».

O parque eólico -recordou-, estase a instalar nun espazo protexido a nivel europeo «que debería estar reservado da construción de eólicos» pola súa incompatibilidade coa Lei de desenvolvemento eólico de Galicia 8/2009 e o Plan Director da Rede Natura, que prohibe a súa instalación.

Antón Sánchez denunciou que o plan da empresa Fergo Galicia Vento levouse a cabo aproveitando unha tramitación administrativa «absolutamente escandalosa», polo seu escurantismo e opacidade, por parte do Goberno de Alberto Núñez Feijóo.

De feito, sinalou o parlamentario, a aprobación ambiental do proxecto fíxose no ano 2005 cun Goberno da Xunta en funcións presidido por Manuel Fraga xusto o día despois de rematar o período de exposición pública do Estudo de Impacto Ambiental, o que supón un auténtico «escándalo» e tamén un exemplo «de cómo estas empresas gozan sempre do favor do Partido Popular».

No mesmo senso denunciou que algo equivalente ven de suceder agora coa publicación no DOG o 14 de agosto do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal aprobado pola Xunta «para vestir ao santo» para legalizas unhas obras «que se estaban a realizar ilegalmente», feito sobre o que anunciou que o Grupo Parlamentario de En Marea presentará o correspondente recurso administrativo.

O deputado indicou, asemade, que houbo grupos ecoloxistas que pediron a principios deste ano o expediente do proxecto do parque eólico e recibírono só cinco días antes da publicación da resolución, o que non lles permitiu coñecer con tempo dabondo se as modificacións proxectadas pola empresa «eran substanciais ou non», supoñendo a diferencia entre poder implantar o parque eólico ou non poder facelo.

Sánchez denunciou as «artimañas» non só de Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta, senón do seu subordinado o director xeral de Enerxía e Minas Ángel Bernardo Tahoces, actualmente imputado pola Fiscalía por suposta prevaricación ambiental e cun procedemento xudicial aberto por polas dificultades do acceso do seu departamento á información pública.

Para Antón Sánchez, «hai que abrir un debate político e social sobre o modelo eólico que queremos» porque «é posible facelo doutro xeito e debe ser necesario facelo doutro xeito» cun modelo «sostible e democratizado» virtualmente oposto ao que acutalmente está a desenvolver o Partido Popular a nivel galego. 


Alberto Núñez Feijóo /  Ángel Bernardo Tahoces /  Anova /  Antón Sánchez /  Dirección Xeral de Enerxía e Minas /  Fergo Galicia Vento /  Grupo Parlamentario de En Marea /  Grupo Parlamentario de En Marea /  Parlamento de Galicia /  parque eólico Serra do Oribio /  Partido Popular /  PP /  Redacción /  Xunta de Galicia /