O fachapobre e a alienación: cando o escravo defende o amo
A servidume voluntaria
Todas coñecemos o fachapobre. É o traballador que cada mañá se levanta para enriquecer a outro e que pola noite defende nas redes sociais a quen lle paga unha miseria. Axeónllase ante o amo, bica a bota que lle pisa o pescozo e esixe que non se toquen os privilexios do señor, non vaia ser que as sobras deixen de caer da mesa. Quen se deixa a pel para que outro engorde e, aínda así, aplaude a quen o despreza renunciou á súa dignidade. É verdade que coa dignidade non se come, pero os pobos sen dignidade acaban sempre por non comer.
Agora ben, quedarmos no insulto sería quedarmos a medias. A pregunta de fondo é outra: como se chega ata aí? E a resposta deuna Marx hai case douscentos anos cunha palabra que hoxe explica máis ca nunca: alienación.
Catro cadeas que non se ven
Baixo o capitalismo, o traballador está separado daquilo que o fai humano. En primeiro lugar, do produto do seu traballo: a costureira non é dona da roupa que cose, nin o programador, do software que escribe. Como deixou escrito Marx, o traballador pon a súa vida no obxecto, pero esa vida xa non lle pertence a el, senón ao obxecto. En segundo lugar, do proceso: outros deseñan os métodos, fixan os tempos e controlan cada movemento, e o traballador queda convertido nun apéndice da máquina ou do ordenador. En terceiro lugar, dos seus compañeiros: o sistema ponos a competir, destrúe o carácter social do traballo e converte o posto de traballo nunha guerra de todos contra todos. E, en cuarto lugar, da súa propia actividade vital: o que debería ser a máxima expresión das nosas capacidades vólvese algo externo e forzado, unha simple forma de pagar as facturas.
Isto non é unha sensación de aburrimento nin unha falla persoal. É unha condición material, resultado directo de como está organizado o traballo. E vémolo cada día no supermercado, na fábrica, na oficina ou no teletraballo, onde a oficina entra na casa e os horarios se esvaen.
O lecer alienado e a ignorancia con altofalante
Cando un chega á casa esgotado e baleiro, déitase no sofá e consome entretemento que non lle esixe pensar, non crea nada nin transforma nada. A iso chamámoslle liberdade, pero é o reflexo inverso da vida laboral: a outra cara da mesma moeda. E as redes sociais rematan a faena: producimos contido de balde para plataformas que o monetizan, competimos por «gústames» como competimos polo cadro de quendas e confundimos a conexión dixital coa relación humana.
Aí críase o fachapobre. Sen tempo nin forzas para formarse, sen unha organización que o acompañe e coa competencia como escola, vólvese contra o compañeiro, contra o migrante, contra o sindicalista ou contra o veciño que cobra unha axuda, mentres o patrón respira tranquilo. A ignorancia da que presume nas redes, esa perda do sentido do ridículo, non é só un defecto individual: é un produto social, alimentado por quen gaña con que a clase traballadora non saiba quen é o seu adversario. Pero que sexa un produto social non o exime de responsabilidade, porque ninguén nos obriga a defender a quen nos explota. A dignidade é unha decisión, aínda que custe tomala.
Outro traballo é posible
A alienación non é natural nin inevitable. O artesán controlaba a súa obra de principio a fin; o capitalismo fragmentouna. E non afecta só o obreiro: tamén afecta o investigador que publica artigos irrelevantes para conservar a praza, o artista que debe fabricar contido viral ou o programador que implementa aquilo que sabe que prexudica. Mentres os medios de produción estean en poucas mans e as decisións dependan unicamente de quen posúe o capital, a alienación seguirá sendo a norma.
A saída non é fuxir do traballo, senón transformalo: que os traballadores controlen democraticamente os seus centros de traballo, que produzan segundo as necesidades sociais e que a tecnoloxía sirva para liberar tempo e non para intensificar a explotación. Iso esixe o de sempre: conciencia de clase, lectura, estudo, sindicato e organización. Recoñecer a alienación é o primeiro paso. O segundo é deixar de axeonllarse e comezar a organizarse.
Até a vitoria sempre!
