Redacción •  Wikimedia commons •  Galicia •  23/08/2017

Amigos da Terra alégrase de que, por fin, máis dunha década despois da súa declaración, a Xunta descubra que as Cíes son parte dun Parque Nacional e actúe en consecuencia

A organización ecoloxista agarda que a situación destes días sirva para que o Parque Nacional das Illas Atlánticas resolva dunha vez as ilegalidades que se seguen producindo neste espazo protexido.

Amigos da Terra alégrase de que, por fin, máis dunha década despois da súa declaración, a Xunta descubra que as Cíes son parte dun Parque Nacional e actúe en consecuencia
Amigos da Terra solo ve unha novidade con respecto aos últimos anos no sucedido estes días co colapso de visitantes a Cíes: a actuación da Xunta para impedilo. Mellor tarde que nunca a administración actúa, pero non esquecemos que a esta situación chégase tras anos de excesiva permisividade e tolerancia en primeira instancia con as empresas navieiras pero que a súa vez foron alimentadas polo exceso de promoción de turismo de “sol e praia” que marcou desde sempre o destino deste espazo natural, esquecendo deliberadamente que o obxectivo fundamental e prioritario dun parque nacional é a conservación da natureza e que todos os seguintes obxectivo, sexan turismo ou mesmo investigación, deben estar supeditados e ser compatibles co obxectivo principal. Non axudou nada a Cíes como parque nacional esa suposta consideración como a “mellor praia do mundo” nin as recentes imaxes en autobuses de “Vigo, vive sus playas” sobre unha imaxe das Cìes. A amigos da Terra preocúpalles a mala imaxe que se transmite das illas, pero non polo sucedido o pasado domingo, senón cada vez que as administracións insisten en potenciar esa imaxe de Cíes como meras praias e fan retroceder anos de esforzos para intentar conseguir xustamente cambiar a tipoloxía dos turistas que visiten o parque. Cíes debería captar turismo de natureza, pois para o turismo de sol e praia existen centos de praias ao longo do litoral perfectamente adaptadas e ecoloxicamente degradadas para recibir cantidades inxentes de visitantes. Promocionando as Cíes como turismo de sol e praia sorpréndenos que alguén se sorprenda de que os visitantes as consideren así (como un Samil bonito) e que alguén se sorprenda de que as navieiras capten esa mensaxe, actúen en consecuencia e a aproveiten mesmo dun xeito fraudulento.
 
Esta ilegalidade manifesta e continuada non deixa de ser a punta do iceberg dos múltiples problemas que afectan ao único Parque Nacional galego. Pode considerarse legal un Parque Nacional que, máis dunha década despois da súa declaración está incumprindo a propia normativa de parques nacionais ao carecer do obrigatorio plan rector de uso e xestión? Preguntase Amigos da Terra. Pode aspirar un Parque Nacional que incumpre a propia normativa estatal a ser declarado patrimonio da humanidade pretendendo cumprir normas internacionais? Engaden desde a organización ecoloxista.
 
Neste sainete entre Concello de Vigo e Xunta de Galicia “Cíes versus conxunto do parque nacional como patrimonio da humanidade“ o posicionamento da organización ecoloxista é claro e sen dobres lecturas: si dita declaración sirve para aumentar a protección e a conservación do espazo apoiamos a proposta que inclúa máis  protección para máis lugares. Polo tanto, circunstancialmente, apoiamos a proposta da Xunta para o conxunto dos arquipélagos do Parque Nacional, Cíes incluídas, fronte a proposta excluínte do Concello de Vigo. Si tras dita declaración solo preténdese maior promoción turística dun espazo xa actualmente saturado será contraproducente. Amigos da Terra confía, en calquera caso, no bo criterio da UNESCO e das súas entidades asesoras e non dubidamos que comparten a visión conservacionista e inclusiva. O desexable sería que, tanto Xunta como Concello de Vigo, protexeran eficazmente o que xa teñen declarado como parque nacional, a maior figura de protección da nosa lexislación, antes de aspirar a novas declaracións.
 
As propostas concretas de Amigos da Terra son:
 
-O inicio inmediato da elaboración definitiva do PRUG (plan rector de uso e xestión) do parque nacional, incluíndo os procesos de participación pública preceptivos legalmente. Que o Parque Nacional das illas atlánticas saia desta situación de alegalidade na que leva máis dunha década por carecer deste documento obrigatorio.
 
-Sancións económicas que, como mínimo, sexan equivalentes ao beneficio económico obtido polo exceso na venta de pasaxes e anulación das licenzas para o transporte ás illas a aquelas navieiras multireincidentes.
 
– Realización de un estudio urxente e exhaustivo de impacto ambiental e capacidade de carga e límites de cambio tolerable do espazo natural e actualización en función do mesmo do número máximo de visitantes.
 
-Aplicar o “principio de precaución” e mentres non se faga dito estudio actualizado de impacto ambiental reducir o número máximo de visitantes autorizados a 2.000 persoas en total (incluíndo campistas). 1.000 persoas totais menos que na actualidade.
 
-Ampliar o espazo terrestre de áreas de reserva integral, declarando como zona de reserva integral o tramo final da praias de Rodas, a praia de Viños e a totalidade de punta Muxieiro e a totalidade do espazo litoral entre o final da praia de Figueiras e a praia de Cantareira.
 
-Ampliar o Parque Nacional incorporando illotes como Areoso (ría de Arousa)
 
-Creación dun servizo específico e permanente, inexistente na actualidade, de vixilancia e control do espazo marítimo do Parque Nacional (85% da área protexida) que actualmente atópase abandonada a súa sorte.
 
-Rexeitar absolutamente as intencións de “desestacionalizar” o turismo nas illas. A pouca vantaxe que teñen as illas para a súa rexeneración ecolóxica ten como base dispoñer de nove meses ao ano que mitiguen o impacto dos visitantes no verán. Si o tempo o acompaña… alguén considera unha boa idea ter tamén as illas cheas de 3.000 visitantes en outono, inverno e primavera?
 
-Que o Concello de Vigo, que esixe agora responsabilidades políticas cando (tarde e mal) a Xunta actúa  pero non as esixiu nos anos anteriores de total permisividade asuma tamén as súas responsabilidades políticas, pois tamén o Concello ten competencias e actuacións nas illas.
 
Finalmente Amigos da Terra invita á seguinte reflexión: todo isto está sucedendo no espazo natural que a pesares de todo o dito non deixa de ser, aínda que non o pareza, con diferenza o máis controlado, vixiado e protexido de todos os espazos naturais galegos… qué estará sucedendo no resto dos espazos naturais protexidos, e non digamos nos que carecen de protección?

Amigos da Terra /