AGE •  Redacción •  Galicia •  23/06/2016

Alternativa Galega de Esquerda impulsa un acordo parlamentario contra os paraísos fiscais

O viceportavoz Antón Sánchez denuncia que os gobernos do PP obvian a persecución da fraude fiscal nos grandes patrimonios.

Alternativa Galega de Esquerda impulsa un acordo parlamentario contra os paraísos fiscais
O Grupo Parlamentario de AGE acadou o seu obxectivo na Comisión de Facenda do 23 de xuño, na que todos os grupos parlamentarios votaron a prol da iniciativa que buscaba contenar a existencia dos paraísos fiscais, «que fan parte das estruturas económicas que producen desigualdade no mundo».
 
No debate sobre a proposición non de Lei,  o deputado Antón Sánchez cualificou os paraísos fiscais de «instrumentos de desigualdade, un problema principal no combate contra o empobrecemento, que actúan con impunidade no capitalismo neoliberal» mentres «os salarios minguan e os impostos aos traballadores soben«.
 
Sánchez tamén fixo referencia na súa intervención a os denominados ‘Papeis de Panamá‘, nos que figuran «os que fan reformas fiscais contra os traballadores, os que dicían aos de abaixo que había que apreter o cinto, os patriotas». Finalmente, insistiu na necesidade de loitar contra o fraude fiscal e lamentou que os gobernos do Partido Popular non atendan de xeito efectivo ao fraude dos grandes patrimonios. «O 70% do fraude fiscal é nos grandes patrimonios e vostedes destinan o 80% dos recursos ao fraude aos pequenos», aseverou.
 
Aparte de condenar a existencia dos paraísos fiscais, a resolución incluíu unha emenda transaccionada co Partido Popular para demandar ao Goberno central a súa unión á declaración, instándoo «a incrementar os obstáculos legais, a través da adopción das medidas tributarias oportunas, das operacións económicas con residentes en paraísos fiscais sempre que non respondan a motivos económicamente válidos», así como «a intensificar a firma de convenios de dobre imposición e dos acordos de intercambio de información en materia tributaria necesarios para eliminar a lista de territorios considerados como paraísos fiscais«.

acordo parlamentario /  AGE /  Alternativa Galega de Esquerda /  paraísos fiscais /  Parlamento de Galicia /