Redacción •  Galicia • 21/02/2020

Solla esixe explicacións a Feijóo sobre a información que asegura que a embaixada española en Venezuela destinou diñeiro negro para pagar favores electorais ao PP

“De confirmarse isto, estaríamos a falar de feitos sumamente graves en canto a implicación xudicial, ademais de ser politicamente execrables”, cualifica Solla, que lembra o “uso recorrente que o Partido Popular fai constantemente da situación de Venezuela”.

Solla esixe explicacións a Feijóo sobre a información que asegura que a embaixada española en Venezuela destinou diñeiro negro para pagar favores electorais ao PP

Compostela, 21 de febreiro de 2020. Nada máis coñecer a información que publica ElDiario.es referida a que a embaixada española en Venezuela destinou diñeiro do mercado negro a pagar favores electorais ao PP en 2015 e 2016, a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, esixe a Núñez Feijóo que dea explicacións inmediatas e engade que, “de ser esta información corroborada pola xustiza, estamos a falar de feitos gravísimos que implican ao propio Secretario de Emigración da Xunta de Galicia”.

“De confirmarse isto, estaríamos a falar de feitos sumamente graves en canto a implicación xudicial, ademais de ser politicamente execrables”, cualifica Solla, que lembra o “uso recorrente que o Partido Popular fai constantemente da situación de Venezuela”. “Precisamente por iso, que sexan membros da propia Xunta de Galicia os que estean inmersos nunha presunta trama de favores electorais aproveitando as axudas sociais das e dos españoles residentes nese territorio sería dunha gravidade extrema”, apunta.

“Entendemos tamén que o Ministerio de Exteriores debería estudar o caso e depurar as responsabilidades oportunas a nivel político, xa que esta presunta trama afecta a embaixada española en Venezuela”, di Solla, para quen “os dous Gobernos deberían aclarar esta situación e, dende logo, o presidente Núñez Feijóo debería de dar explicacións públicas porque estamos a falar de que a información ten que ver directamente con axudas en torno a favores en diversos procesos electorais”, remata. 


Esquerda Unida /  Eva Solla /