Sermos Galiza •  Galicia •  06/05/2019

Mario Isea: «España non debe avalar o sector ultraviolento e golpista da dereita venezolana»

Sermos Galiza conversa co embaixador venezolano en España, Mario Isea, quen denuncia as manobras auspiciadas polo Goberno norteamericano. Asegura que o seu é un pobo "consciente e con dignidade", preparado "para se defender do imperio e dos seus títeres". Láiase das decisións do Goberno español, condicionado por asumir informacións "inexactas".

Mario Isea: «España non debe avalar o sector ultraviolento e golpista da dereita venezolana»

Mario Isea, embaixador de Venezuela no Estado español, acudiu esta fin de semana a Vigo para participar nun Foro Internacional de Pesca organizado polo Parlamento Centroamericano. Desde a cidade olívica vén de atender a chamada de Sermos Galiza. 

Como valora os últimos acontecementos no seu país?

Venezuela está sendo acosada e hoxe vese con moita claridade que é o Goberno norteamericano o que está dirixindo este ataque total que ten un ingrediente mediático, diplomático e tamén económico, de asfixia, de bloqueo, de confiscación de bens que nos impide atender debidamente as necesidades alimenticias e de medicamentos do noso pobo. E o Goberno venezolano batalla para atender ao pobo mentres Estados Unidos nos impón sancións e medidas coercitivas unilaterais, tratando así de provocar un estourido social ou unha sublevación das Forzas Armadas. Non o logrou e por iso recorren a medidas desesperadas, como a autoproclamación dun deputado, Juan Guaidó, que supostamente ía convocar eleccións en trinta días, e xa leva tres meses e medio alentando unha invasión ou un alzamento militar. O seu último intento foi o 30 de abril; fracasaron cunha operación na que obviamente ten metida a man a CIA, que ten operadores tratando de socavar a soberanía, tratando de subornar os nosos militares etc. Nesta operación de liberar Leopoldo López da súa casa! -porque hai que clarexar que non estaba preso, nin en ningunha cadea, senón na súa casa por un xesto humanitario das institucións venezolanas-, para tratar de reivindicar o liderado de Guaidó, o autoproclamado vido a menos que cada semana ou quince días convoca un suposto ultimato, un alzamento militar, unha explosión social que non se produce e que cada vez ten menos credibilidade. Por iso, esta operación de chamar a un alzamento simulando a toma dunha base militar, La Carlota, non tivo éxito, agás unha puñada de persoas, mesmo dalgúns militares que posteriormente se retractaron. A iso séguelle logo que Leopoldo López vai á embaixada de Chile e de alí á de España. Eu teño denunciado que esa acción de López de ir á embaixada española forma parte do guión de Washington para provocar un conflito diplomático entre Venezuela e España. É evidente que el, abusando dunha suposta condición de hóspede, vai seguir alentando alzamentos militares en Venezuela, golpes de Estado, e fíxoo descaradamente. Iso obrigou ao Estado español, despois do noso reclamo, a clarexar que ten que limitar a súa acción política. Convocaron accións fronte os cuarteis, sen ningunha aceptación por parte das Forzas Armadas e do noso pobo, na que incluso con moita dignidade moitos oficiais nosos queiman os supostos papeis sobre proxectos de amnistía porque non representan ningunha autoridade do noso pobo, senón que representan o imperio colonizador norteamericano, que quere invadir e apoderarse da nosa riqueza e converternos no patio traseiro de Estados Unidos. O que vemos en Venezuela é a dignidade dun pobo que, aínda que está a sufrir este acoso, non se dobrega e este é un Gobeno que valentemente resiste e propón alianzas con outros países para nos liberar da dependencia do dólar, para relanzar a nosa economía.

Cre que a comunidade internacional está máis posicionada da súa parte?

Afortunadamente, a maioría dos países do mundo están descoñecendo este Goberno de facto, no qiue este autoproclamado presidente que non ten ningunha validez legal, e máis dun cento de países da ONU non recoñecen e formulan que debe haber unha saída pacífica e o diálogo. Por iso transmitimos ao Goberno español desde a nosa chancelería e da nosa embaixada que é un tempo de reflexión e que deberían revisar esa medida de recoñecemento do autoproclamado; que debería retomar a proposta orixinal de propiciar o diálogo, sen avalar de maneira directa ou indirecta o sector ultraviolento e golpista da dereita venezolana. Porque cando se avala ou protexe xente que está á marxe da xustiza, como Leopoldo López, que ten unha sentenza firme, que se evadiu da xustiza e que promove usando a residencia oficial do embaixador español en Caracas unha intentona militar, está a darlle impunidade aos títeres do imperio, violando todo o ordenamento xurídico internacional e o principio de non intervención e de non inxerencia. Quen queren de verdade axudar o pobo venezolano, o que deben facer é propiciar que se levante o bloqueo, as accións impostas polos EEUU e que se favoreza o diálogo entre os venezolanos que queremos a paz, deixando de lado a estes ultraviolentos da dereita que non queren ningunha saída pacífica nin eleccións, senón un goberno de facto que derrogue a Constitución e que desmonte os programas sociais de sanidade e educación públicas e de vivenda que impulsou o presidente Chávez e que continuou o presidente constitucional Maduro. 

Despois dos reiterados intentos de intervencións, cal cren que será o seguinte paso?

A campaña dos EEUU segue pero cada vez é máis evidente que quen dirixe todo iso é Trump, e ninguén pode estar máis desprestixiado que Trump, que saca os EEUU dos acordos de París para protexer o planeta contra o cambio climático, que racha os acordos con Irán para a contención da proliferación de armas nucleares, que saca dos acordos de non proliferación de misís, promovendo unha carreira armamentística sen reparo ningún, que anuncia que EEUU debe estar en guerra con Venezuela porque é alí onde está o petróleo… Na medida en que está tan desprestixiado, o mundo está abrindo os ollos e Venezuela segue a tecer alianzas. Neste momento, o noso ministro de Exteriores está reunido co chanceler ruso. A actitude de Rusia e China é clara, rexeitando a inxerencia dos EEUU. Polo tanto, é de temer o que vai facer, porque hai precedentes: Iraq,Siria, Afganistán, Libia, Panamá… pero non as teñen todas consigo; o mundo xa os coñece. Ese sector que traballa con EEUU sen respecto á legalidade internacional, sen reparo ningún, sen ética, está cada vez máis evidenciado. Por iso nós somos optimistas e, aínda que cremos a Trump capaz de calquera disparate, entendemos que non ten as mesmas condicións ao seu favor que tiña antes. O pcbo venezolano ten moita consciencia, moita organización popular, e unhas Forzas Armadas pegadas á Constitución que defenden a soberanía e que, no caso de que se lle meta na cabeza a loucura dunha invasión, xeraría un conflito rexional de grandes proporcións e un pobo en resistencia que está disposto a se defender. Moitos dos que apoiaban unha saída violenta téñense retractado, o cal quere dicir que pouco a pouco vai avanzando o sentido común, o predominio da razón e da verdade e por iso, sen baixar a garda, seguimos construíndo alianzas e agradecendo a cooperación de quen saben que dicimos a verdade e que temos dignidade, 

Están decepcioados coa actitude do Goberno español?

A oposición venezolana transmitiu moita información falsa e inexacta para satanizar o noso goberno e algúns asumen esa información para tomar decisións equivocadas. Foi un grave erro recoñecer un autoproclamado, é un precedente moi perigoso para calquera país e convido ao Goberno español á recapacitación e á reflexión. Por iso témoslle plantexado a todos os gobernos democráticos que cometeron o erro de recoñecer un autoproclamado que revisen esa situación, que retiren ese recoñecemento a quen non ten atributos legais para asumir a presidencia, que non vai poder convocar eleccións porque non ten o liderado interno para facelo, que non é comandante en xefe das Forzas Armadas nin dirixe a política internacional… Este autoproclamado é socio de Leopoldo López, que é un foraxido. Chamamos á reflexión. Debe imperar o diálogo. Houbo erros produto de información inexacta, interpretacións equivocadas dos acontecementos. Moitos pensaron que Maduro se derrubaría, comeron o conto de que non era lexítimo cado foi elixido co 67% dos votos. Cómpre que recoñezan o Goberno constitucional e propiciar un diálogo deste coa oposición para atopar a mellor maneira de convivir sen prexudicar o noso pobo.

Fuente: https://www.sermosgaliza.gal/articulo/internacional/mario-isea/20190505184659079193.html


undefined /