Redacción •  Galicia •  04/01/2018

Esquerda Unida denuncia neste comezo de 2018 o mantemento da precariedade laboral e a cronicidade da pobreza en Galicia

Esquerda Unida denuncia o mantemento da precariedade laboral e a cronicidade da pobreza nunha Galicia que entra en 2018 retrocedendo en dereitos laborais grazas ás políticas de emprego de Feijóo, baseadas nun modelo no que imperan os contratos temporais, causantes de que haxa o mesmo traballo e mesma masa salarial, pero máis repartido e, por tanto, peor pagado e sen garantías para que as persoas cheguen a fin de mes.

Esquerda Unida denuncia neste comezo de 2018 o mantemento da precariedade laboral e a cronicidade da pobreza en Galicia

Segundo os datos do Ministerio de Emprego, o número de persoas desempregadas en Galicia é de 185.013, unha cifra algo menor que nos últimos anos (un descenso do 1,16 por cento) e, tal e como lembra Eva Solla, “son datos que non poden venderse en positivo, é máis, só ocultan a verdadeira problemática do debilitado mercado laboral. En Galicia, a maior parte do emprego novo que se crea é precario. Tal e como vimos denunciando nos últimos anos, as galegas e os galegos asistimos a un empobrecemento xeneralizado da clase traballadora, que leva consigo a cronicidade da pobreza”, sinala a coordinadora nacional de Esquerda Unida.

“No pasado 2017, vimos a implantación dunha modalidade contractual precaria, de menos horas, temporal e inestable que afecta ao 92% (940.169) dos novos contratos; o resto, tan só un 8% (80.793) son indefinidos”, asume Solla. Doutra banda, “os salarios que perciben as e os traballadores, en xeral, é decrecente e escaso, o que fai que, por exemplo, un 15% de persoas que traballan na nosa comunidade sexan pobres”.

“Aínda que a situación de precariedade cébase máis especialmente coa mocidade, máis do 80% móstrase disposta a emigrar para atopar traballo e, doutra banda, moitas persoas xa perderon toda esperanza e abandonan as listas do paro. Deste modo, a destrución de emprego indefinido e de calidade é a condena de xeracións futuras a vivir condicións precarias inaceptables”, reflexiona a coordinadora.


Esquerda Unida /  Eva Solla /