Redacción •  Galicia •  03/11/2016

En Marea esixe que o Goberno do Estado permita aos Concellos regular unha bonificación do IBI que protexa as persoas con maiores problemas económicos

O viceportavoz de En Marea, Antón Sánchez, rexistrou unha Proposición Non de Lei na que se pon de manifesto a inxustiza actual ao non se ter en conta a situación económica das persoas e das familias no pago do Imposto de Bens Inmobles.

En Marea esixe que o Goberno do Estado permita aos Concellos regular unha bonificación do IBI que protexa as persoas con maiores problemas económicos

En Marea presentou unha Proposición non de lei na que insta á Xunta de Galicia a solicitar ao Goberno do Estado e aos grupos parlamentarios no Congreso dos Deputados levar a cabo unha modificación do artigo 74.2 TRLRFL para permitir aos Concellos regular unha bonificación de ata o 90 por cento da cota íntegra do  Imposto de Bens Inmobles (IBI) a favor daquelas persoas que acrediten unha situación económica de insuficiencia de rendas familiares.
 
O viceportavoz de En Marea, Antón Sánchez, considera este imposto inxusto e perxudicial para os que teñen unha pior situación económica, porque non ten en conta a situación das persoas e das familias que o pagan. Nos últimos anos a recadación aumentou de xeito moi importante por decisións do Goberno do Estado, que utilizou o incremento do IBI como xeito e compensar a reducción de trasferencias aos concellos despois da crise.
 
De acordo coa normativa legal vixente (artigos 9.1, 12.2 e 15.2 RDL 272004, de Texto Refundido da Lei reguladora de facendas locais, TRLRFL) os concellos poden establecer nas súas Ordenanzas fiscais o réxime de cotas tributarias de conformidade co disposto legalmente, o que inclúe o réxime de bonificacións fiscais (art. 71 TRLRFL) , que no caso do IBI remite ao disposto no art. 74.2; apartado e artigo que non prevé bonificación potestativa ningunha en relación coa situación económica do suxeito pasivo nin tampouco en función do Valor Catastral (VC) do inmoble.
 
Sendo certo que hai concellos que si teñen establecido ditas bonificacións en forma de subvencións, tanto a literalidade do TRLRFL como especialmente os pronunciamentos xudiciais ao respecto (STS de 19 de maio de 2014, por exemplo) non amparan normativamente coa debida seguridade xurídica ditas subvencións/bonificacións aprobadas.
 
Tendo en conta que o IBI pode resultar moi gravoso para moita xente en condicións de especial vulnerabilidade, e tendo en conta o incremento que dito imposto tivo nos anos da chamada crise, o grupo parlamentario de En Marea considera necesario protexer aqueles casos de persoas con maiores problemas económicos. Para elo rexistrou no Parlamento de Galicia unha Proposición non de Lei na que se insta á Xunta de Galiza a solicitar ao Goberno do Estado e aos grupos parlamentarios do Congreso dos Deputados a levar a cabo e a apoiar a modificación do art. 74.2 TRLRFL aos efectos de incluír como bonificación potestativa  de ata o 90 por cento da cota íntegra do imposto a favor daqueles suxeitos pasivos que acrediten unha situación económica de insuficiencia de rendas familiares.
 


En Marea /