Redacción •  Galicia •  14/05/2023

Pontón: “Rueda está en modo mamporrero facéndome oposición polo seu nerviosismo ante o avance do BNG”

  • Como vai dirixir Galiza quen nin pode dirixir o seu partido e está sendo ridiculizado polo “fitipaldi” de Ourense, interpelou desde Barreiros.
  • Destaca a alternativa ao PP nos concellos é o modelo municipal de éxito do BNG, capaz de transformar en positivo e mellorar a vida das persoas.
Pontón: “Rueda está en modo mamporrero facéndome oposición polo seu nerviosismo ante o avance do BNG”

A portavoz nacional, Ana Pontón, estivo en Barreiros acompañando á actual alcaldesa e candidata á reelección, Ana Ermida, da que puxo en valor “a súa capacidade para abrir un tempo novo no concello no que a cidadanía por fin respira libre e orgullosa”, onde despois de corenta anos de PP, hoxe está en marcha o modelo municipal de éxito do BNG, sinónimo de calidade e de prestixio, que transforma en positivo e mellora a vida das persoas.

Con ese aval, Pontón prognosticou que Ermida seguirá sendo a mellor alcaldesa que nunca tivo Barreiros e con maioría absoluta.

“Imos ter un resultado histórico en Barreiros e non conxunto do País levando o noso modelo municipal a máis concellos ao longo e ancho de Galiza e por iso o PP está tan, tan nervioso, esmo diría que está desatado, con Rueda en modo «mamporrero» atacando ao BNG por terra, mar e aire facéndome oposición porque mentres o BNG ten un modelo municipal de éxito que transforma en positivo e que mellora a vida das persoas, o PP non ten nada que ofrecerlle nin aos concellos, nin a Galiza”, explicou.

“Como vai ter un modelo de País quen nin ten capacidade nin autoridade para dirixir o seu propio partido porque hai un Fitipaldi en Ourense que lle cala a boca!”, argumentou Pontón sobre un presidente dos populares ao que atribuíu dous grandes problemas.

“O primeiro é que non controla o seu propio partido e está facendo o ridículo e sendo humillado por Baltar; o segundo é que sabe que empezou a conta atrás para un cambio real en Galiza que vai liderar o BNG. Isto é o que realmente lle preocupa ao PP que sabe que vai perder as eleccións en canto as convoque porque o ascenso do Bloque é imparable”, recalcou.

Pontón puxo Barreiros como exemplo de que a alternativa real ao PP é o modelo municipal do BNG, “fronte aos de sempre, á altenativa real para tranformar en positivo e mellorar a vida das persoas é o Bloque Nacionalista Galego, fronte á Galiza en pequeno que nos deixa o PP, a Galiza en grande que quere construír o BNG, concello a concello”, proclamou.

Pontón remarcou como, grazas ao modelo mucipal do Bloque, Barreiros “logrou aumentar a súa poboación, recuperar unha xestión eficaz, transparente e con rigor, superar o descontrol económico, mellorar os servizos públicos, avanzar en infraestruturas básicas e desenvolver programas a favor das familias, da igualdade cun concello inclusivo”. Con esta axenda de cambio posta en marcha en só catro anos, sinalou a Ermida como a “mellor alcaldesa” de Barreiros, cargo que revalidará con maioría absoluta, prognosticou.

“Onde gobernamos transformamos, construímos concellos con calidade de vida, rendabilizamos cada euro, son exemplos de democracia participativa, concellos feministas que apostan pola igualdade, sustentables, honestos. Por iso, estou convencida que imos ter un gran resultado nas urnas porque a corrente de simpatía cara o BNG non deixa de medrar e porque temos un modelo municipal de éxito que o mellor aval para pedir o apoio da cidadanía”, argumentou a líder do Bloque.

Pontón explicou unha das claves dese modelo municipal que se ten convertido en referente, dentro e fora: a confianza no potencial do País e da súa xente, pensar unha Galiza e uns concellos “en grande”, por iso o BNG “representa o entusiasmo, a vitalidade, o empuxe e o optimismo que tanto necesita Galiza e a sociedade galega”.

A por todas por unha nova Galiza

Construír esa nova Galiza abrindo unha nova etapa no País que o BNG aspira a liderar. “Quero unha Galiza en grande na sanidade, fronte a un PP convertido nun perigo para a saúde dos galegos e das galegas; en grande para aproveitar a súa riqueza, fronte ao espolio eólico que promoven as forzas centralistas, e quero unha Galiza en grande para a mocidade, para acabar coa sangría da emigración”, argumentou.

Esa Galiza é posible e vai empezar a construírse concello a concello a partir do 28M, porque aínda que as forzas centralistas queiran facer dos nosos concellos o seu partido previo da liga estatal, “quero recordarlles que o que eliximos son as persoas que nos representan nos concellos, que non veñan aquí a repetir os seus pim-pam-pums madrileños”, subliñou.

Pontón rematou a súa intervención pedindo aproveitar ao máximo a campaña, porque “imos a por todas, sen poñernos límites, saímos a ganar un futuro mellor para Galiza”.


elecciones municipales /