Redacción •  Galicia •  03/06/2026

Pontón pide a Rueda que escoite ao colectivo médico e retire o seu plus anti-baixas que pon en risco a saúde dos e das traballadoras

Propón reforzar a sanidade pública porque o problema é que as persoas esperan meses por consultas e probas, retrasando a súa recuperación.

“Galiza está á cabeza en accidentes no traballo, para cando un plus para reducir a sinistralidade laboral ou a fraude das horas extra”, interpela.

Pontón pide a Rueda que escoite ao colectivo médico e retire o seu plus anti-baixas que pon en risco a saúde dos e das traballadoras

03/xuño/26.

A portavoz nacional, Ana Pontón, demanda a Rueda que “se lle queda algo de decencia” escoite os médicos e médicas de familia e retire a proposta de pagarlles un extra ós facultativos que acorten as baixas laborais dos seus pacientes, o “plus anti-baixas”, sintetizou a líder do BNG.

“A resposta a esa ocorrencia xa lla deron os propios profesionais, -colexios médicos, asociación de médicos de familia e sindicatos-, tachando a medida de burda e disparatada que pon en risco a saúde das persoas”, argumentou durante a sesión de control, denunciando que o Partido Popular ve as baixas laborais “non como un dereito a saúde, senón como un gasto, unha perda de cartos e un exceso”.

Por iso, e pese a que Galiza é a segunda CCAA con menos baixas de todo o Estado, o goberno do PP con Rueda á cabeza puxo en marcha unha campaña de “criminalización” contra os e as traballadoras que están de baixa, ós que acusa de defraudadores que fixen estar enfermos. Unha campaña para impoñer un novo recorte, como xa fixo o Partido Popular en pensións, dependencia ou dereitos laborais.

“Co seu plus anti-baixas pretende que a xente vaia traballar enferma e de paso cuestiona a profesionalidade dos médicos e médicas, -denunciou Pontón-, quen se preguntou como é posible que desde o goberno de Rueda se use un incentivo económico que atenta contra o código deontolóxico médico. Quero recordarlle que estamos falando de persoas enfermas, non de paquetes que hai que despachar canto antes”, reprochou a líder nacionalista.

A portavoz nacional contrapuxo a dilixencia do presidente da Xunta para perseguir a quen colle unha baixa laboral, que pasa a ser sospeitoso de fraude, coa súa total despreocupación ante a sinistralidade laboral, na que Galiza está á cabeza, ou a fraude nas horas extra.

“En Galiza morre de media cada semana unha persoa en accidente laboral, para cando un plus anti-sinestralidade, señor Rueda; neste País os traballadores e as traballadoras cada semana fan 122.000 horas extra gratis, que nin son compensadas con descanso nin con salario, para cando un plus anti-fraude horas extra?”,  reclamou.

Pontón considera que o verdadeiro problema das baixas está nas listas de espera, na tardanza en conseguir cita co especialista ou para unha consulta clínica o que deteriora a saúde das persoas e as súas posibilidades de recuperación. E isto é  consecuencia de 17 anos de recortes e privatizacións do Partido Popular, que mesmo ten provocado o colapso de atención primaria con demoras de até un mes para ir ao centro de saúde.  

“O problema é vostede señor Rueda, porque pon en perigo a saúde dos traballadores e das traballadoras que están de baixa, porque os fai esperar durante meses para ser atendidos. Por tanto,  en vez de recortar dereitos, recorte as listas de espera e, por unha vez,  escoite aos médicos e médicas de familia que lle piden que retire ese plus anti-baixas”.

Neste sentido, Pontón concluíu pedindo a Rueda que “non queira tapar a súa incompetencia e a súa incapacidade política botándolle a  culpa á xente por enfermar, porque iso é unha indecencia que os traballadores e as traballadoras deste País non merecen”.


BNG /