BNG exixirá ao Goberno a reversión do incremento do gasto militar e priorizar o investimento social
- Néstor Rego Candamil denuncia que o Goberno do Estado “pretende facer pagar ás maiorías sociais a factura da escalada militarista da OTAN e da UE”.
- O deputado do BNG reclamará ao executivo destinar os recursos públicos a reforzar a sanidade, as pensións, a educación, a políticas de vivenda, a apoio dos sectores estratéxicos…

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, interpelará ao Goberno do Estado para demandar a reversión das decisións orientadas ao incremento do gasto militar e reclamar que eses recursos sexan destinados a reforzar os servizos públicos e as políticas sociais nun contexto de empeoramento das condicións de vida das maiorías sociais.
Durante a interpelación, Rego denunciará que o executivo español continúa avanzando nunha estratexia de escalada militarista subordinada ás directrices da OTAN e aos intereses xeoestratéxicos dos Estados Unidos, desviando milleiros de millóns de euros cara á industria armamentística mentres se agravan as desigualdades sociais e económicas.
“O aumento do gasto militar é unha decisión política, non unha necesidade”
“O aumento do gasto en Defensa responde a unha lóxica belicista que non compartimos. A Galiza aposta pola paz, polo antimilitarismo e polo dereito dos pobos a decidir o seu futuro sen inxerencias. Frente ao imperialismo e á escalada militarista da Unión Europea e os Estados Unidos de América, defendemos a cooperación entre pobos, a diplomacia e o desarmamento” afirma Néstor Rego.
O deputado nacionalista advirte que “é tremendamente preocupante observar como a UE e o propio Goberno español apostan por unha Europa militarista, supeditada á OTAN e disposta a facer pagar á sociedade a factura da guerra de Ucraína, un conflito bélico claramente subsidiario da guerra xeoestratéxica que libran os EEUU polo mantemento da súa hexemonía nun contexto internacional cada vez máis multipolar”.
Rego incide en que incrementar o gasto militar “é unha decisión política, non unha necesidade” e defende que existen prioridades sociais urxentes ás que deberían destinarse os recursos públicos.
“A mellor forma de garantir a seguranza da cidadanía é investir en servizos públicos de calidade, en mellorar as condicións de vida das maiorías sociais e en fortalecer un sistema de benestar que protexa as persoas. Non en alimentar unha industria armamentística que só beneficia os grandes lobbies e perpetúa os conflitos”.
O deputado do BNG critica que o Estado español continúe comprometendo cantidades inxentes de diñeiro público para a compra de armamento mentres milleiros de persoas seguen sufrindo os efectos da inflación, da precariedade laboral e da crise habitacional.
“É escandaloso que se fale de incrementar o gasto militar cando milleiros de persoas na Galiza e no Estado seguen tendo dificultades para chegar a fin de mes. Precísanse máis recursos para subir as pensións, reforzar a sanidade pública, garantir unha educación pública de calidade ou impulsar políticas de vivenda” asevera.
Un cambio de rumbo na política internacional e de defensa
A través desta interpelación, o BNG reclamará ao Goberno do Estado un cambio de rumbo na política internacional e de defensa, apostando pola neutralidade, pola diplomacia e pola resolución pacífica dos conflitos.
“Defendemos a paz e o dereito dos pobos a decidiren libremente o seu futuro. A seguridade dos pobos non se constrúe con máis armas nin máis guerras, senón con máis dereitos, máis xustiza social e máis soberanía” sentenza Néstor Rego.
