BNG denuncia que a Xunta “deixa na cuneta” ao alumnado máis vulnerable con recortes en docentes e especialistas
- Cristina Fernández Dávila anunciou que o BNG presentará iniciativas no Parlamento para reverter as medidas e apoiará as mobilizacións da comunidade educativa.

O Bloque Nacionalista Galego denunciou hoxe a política “excluínte” da Consellería de Educación, que “está a deixar na cuneta” ao alumnado máis vulnerable a través de instrucións e medidas que recortan drasticamente os efectivos docentes e os especialistas necesarios para unha atención educativa inclusiva e personalizada.
A portavoz de Educación do BNG, Cristina Fernández Dávila, advertiu que as medidas que comezarán a aplicarse no vindeiro curso 2025-2026 supoñen “un ataque frontal” aos dereitos do alumnado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo, limitando a atención especializada só a aqueles con discapacidade recoñecida e deixando fóra ao resto “en casos moi extraordinarios”, forzando ás familias a buscar solucións en centros especiais.
Fernández Dávila sinalou que a Xunta, “lonxe de estar preocupada polos nenos e nenas máis vulnerables”, está decidida a recortar os cadros de profesorado mediante unha “optimización de recursos sen precedentes” que inclúe aumentar as ratios ata 28 estudantes por aula en Educación Primaria –sen contar ao alumnado con discapacidade–, eliminar apoios en Infantil, ou forzar agrupamentos de niveis non consecutivos con “graves consecuencias pedagóxicas”. Ademais, criticou que se impulse a itinerancia do profesorado e que centros con plans de apoio como o PROA+ non poidan solicitar os especialistas en Pedagogía Terapéutica ou Audición e Linguaxe que precisen.
“A Consellaría de Educación está a anular os dereitos do alumnado a unha escolarización inclusiva. O resultado será menos tempo e menor calidade na atención educativa dos máis vulnerables”, afirmou a portavoz nacionalista.
Perante esta situación, o BNG anticipa que “dentro de poucas semanas” as familias, as ANPAS e os equipos directivos dos centros comezarán a reclamar os efectivos necesarios. Por iso, o Bloque brindará o seu “total apoio” a estas mobilizacións e presentará “as iniciativas que correspondan” no Parlamento para instar á Xunta a garantir “a principios de curso” a presenza de “máis docentes e máis especialistas” que permitan a estes nenos e nenas “avanzar nas súas aulas en igualdade de condicións”.
“Estes nenos e nenas teñen o dereito a que se atenda ás recomendacións dos seus informes médicos e de orientación. A Xunta ten a obriga de facelo efectivo e non de recortar ata límites impensables”, concluíu Fernández Dávila.
