André Abeledo Fernández •  Opinión •  28/08/2026

Palestina: a memoria como arma contra o esquecemento

Camaradas, hai verdades que non admiten matices nin equidistancias. Debemos ser antisionistas, antinazis, antifascistas, antixenocidas, antiimperialistas —pero nunca, xamais, antisemitas—. Confundir estas cousas non é un erro inocente: é a trampa que o propio sionismo tende para silenciar toda crítica. Os semitas son os palestinos. Os israelís que colonizan a súa terra son, na súa inmensa maioría, descendentes de comunidades xudías europeas que chegaron a un territorio que non era seu. Dicir isto non é odiar ao pobo xudeu: é nomear correctamente aos colonos e ao colonialismo.

A terra que hoxe chamamos Palestina non nace en 1948. É unha das rexións máis antigas habitadas por seres humanos, poboada desde tempos remotos da Prehistoria, cando xa existían comunidades agrícolas e cidades como Xericó, Gaza ou Xerusalén na Idade do Bronce. Xa na Antigüidade clásica, o nome de Palestina aparecía recollido en fontes gregas e, despois, nas romanas e británicas, para designar esta rexión entre o Mediterráneo e o río Xordán. O pobo palestino descende dos pobos semitas do Levante —hebreos, fenicios, cananeos, filisteos— que durante milenios compartiron, disputaron e reconstruíron esta terra. Por iso dicimos con toda propiedade histórica: os palestinos son semitas, e quen os acusa de antisemitismo por defender a súa propia terra comete unha fraude ideolóxica.

O territorio pasou por asirios, babilonios, persas, gregos e romanos, e desde o ano 636, pola expansión árabe-musulmá, que alí permaneceu durante séculos, salvo o paréntese sanguento das Cruzadas. Foi baixo o Imperio Otomán, entre o século XVI e comezos do XX, cando o territorio viviu un longo período de estabilidade relativa. Foi o imperialismo europeo o que rompeu esa historia. O Acordo Sykes-Picot de 1916 repartiu Oriente Medio entre Francia e o Reino Unido como quen reparte un botín, traizoando as promesas feitas aos árabes que loitaran xunto aos aliados. E foi o Reino Unido, coa Declaración Balfour de 1917, quen se comprometeu a construír en Palestina «un fogar nacional para o pobo xudeu», sen consultar xamais ao pobo que xa vivía alí.

Dese colonialismo británico nace directamente a Nakba de 1948: a expulsión, o espolio e a destrución de centos de vilas palestinas para a fundación unilateral do Estado de Israel, proclamado o 14 de maio de 1948 en Tel Aviv por David Ben-Gurión. Non houbo «conflito entre dous pobos»: houbo un proxecto colonial de asentamento que expulsou á poboación autóctona máis alá do que a propia ONU lle asignara. Esa ferida, camaradas, segue aberta. Por iso, desde 1977, cada 29 de novembro conmemórase o Día Internacional de Solidariedade co Pobo Palestino: para lembrar que aquela partición nunca foi xustiza, e que setenta e oito anos despois a Nakba continúa, agora baixo bombas e bloqueo en Gaza.

Como clase traballadora, como internacionalistas, non podemos mirar para outro lado. A loita do pobo palestino é a loita de todos os pobos oprimidos polo imperialismo occidental e os seus socios locais. Defender o seu dereito a existir, a volver e a vivir libres na súa propia terra non é unha posición «polémica»: é, simplemente, estar do lado correcto da historia.

Até a vitoria sempre ✊


Opinión / 

Información en la que puede confiar:

Reuters, la división de noticias y medios de comunicación de Thomson Reuters, es el mayor proveedor de noticias multimedia del mundo, con un alcance diario de miles de millones de personas en todo el mundo. Suscríbase a nuestro boletín informativo diario gratuito: thomson@reutersmarkets.com