Alertan dos riscos da contaminación electromagnética e piden unha moratoria sobre o desplegue da tecnoloxía 5G
A Coordinadora Galega pola Moratoria do 5G saíu a rúa o sábado 26 en Vigo, dentro das diferentes convocatorias a favor da moratoria desta tecnoloxía con motivo do 24 de xuño, e lembrou as alertas temperás recibidas desde ámbitos científicos e institucionais.
Case 1.000 organizacións do estado apoian unha petición onde consideran urxente abrir un debate social plural que de visibilidade ao actual conflito de interese, e alertan duns plans de estímulo europeos Next Generation EU que estenden o 5G como condición de acceso.
A Coordinadora lembra as recentes alertas institucionais e celebra a aprobación de moratorias do despregamento desta tecnoloxía por parte de algúns concellos, ao tempo que apoia os recentes chamamentos realizados dende o ámbito científico e académico.
A Coordinadora Galega pola Moratoria do 5G considera que os plans de estímulo europeos Next Generation EU, lonxe de contribuír á transición a modelos enerxéticos e climaticamente sostibles baseados na sobriedade e nas tecnoloxías biocompatíbeis, condicionan o seu acceso a un proceso de dixitalización total da economía e a sociedade.
Con motivo do Día Internacional contra a Contaminación Electromagnética, que se celebrou o xoves 24 de xuño, as organizacións que conforman a Coordinadora, entre elas Ecoloxistas en Acción, expoñen que dito proceso maquíllase de ‘verde e dixital’ e agrava a crise ecosocial por estar nas antípodas de ser sostíbel e inmaterial, non atendendo á saúde dos seres vivos e o planeta.
Segundo as organizacións, nos últimos encontros científicos sobre o 5G do Panel STOA, órgano oficial do Parlamento Europeo de Avaliación de Opcións Científicas e Tecnolóxicas, se cuestionaron os límites internacionais de exposición a radiofrecuencias da autodenominada Comisión Internacional de Protección de Radiación Non Ionizante (ICNIRP), ao non atender aos efectos non térmicos nin a longo prazo. Por iso, en devanditos encontros solicitouse aplicar o principio de precaución, especialmente no caso das ondas milimétricas do 5G, pola falta de investigación en situacións reais e en confluencia co resto de radiofrecuencias.
As actuacións da ICNIRP, asociación privada con sé en Alemaña, e de grupos lobistas na súa liña, como o Comité Científico Asesor de Radiofrecuencias do Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación, xa foron cuestionadas por conflitos de interese en ámbitos científicos, sociais y do Parlamento Europeo.
A coordinadora recorda as peticións de moratoria do 5G e/ou de aplicar o principio de precaución antes da súa despregue, manifestadas en máis de 25 Estados por algún organismo público e consultivo de saúde ou medioambiental, ou por algún colexio médico, asociación de medicina ambiental ou institución de investigación do cancro, ademais dos chamamentos científicos internacionais.
O último informe do Consello de Sanidade holandés apela non só a non empregar a frecuencia de 26 GHz do 5G, senón a aplicar o principio ALARA nas exposicións de radiofrecuencias (tan baixas como sexa razoablemente posible), xa que “non se pode excluír que a exposición baixo os últimos estándares da ICNIRP tamén teña o potencial de afectar a saúde”. Na liña que remarca a última avaliación publicada sobre o “estrés oxidativo” do Grupo de expertos suízos sobre campos electromagnéticos e radiacións non ionizantes (BERENIS) da Oficina Federal Suíza do Medio ambiente, destácase a maior vulnerabilidade en casos de inmunodeficiencias ou enfermidades crónicas, e en persoas moi novas ou de idade avanzada.
A Coordinadora Galega pola Moratoria do 5G celebra a actuación de diferentes concellos de varias comunidades autónomas que aprobaron solicitar unha Moratoria do despregue do 5G para atender ao principio de precaución e a criterios ecosociais. Así mesmo, esta plataforma se solidariza co chamamento de máis de 700 científicas e científicos de Francia a favor do boicot ao 5G e o seu mundo, por non atender ás recomendacións en Francia da Convención Cidadá polo Clima e do Alto Consello polo Clima. Este último recomendaba, antes do despregue desta tecnoloxía, atender á avaliación dos seus impactos (sanitarios, climáticos, medioambientais, económicos, financeiros, sociais) e apostar por unha “sobriedade enerxética para asegurar un futuro habitábel”.
A coordinadora solidarízase tamén co recente chamamento de académicas e académicos de todo o estado español a favor dunha moratoria sobre o uso do recoñecemento facial (que se desenvolverá exponencialmente co 5G e a intelixencia artificial), por afectar non só ao ámbito da privacidade senón fundamentalmente da xustiza social.
As organizacións implicadas lembran novamente o incumprimento da legalidade vixente no despregue do 5G sinalado en 2019 polo Defensor do Pobo, e solicitan unha vez máis á Dirección Xeral de Saúde Pública, Calidade e Innovación, que cumpra os requirimentos sinalados polo propio Defensor: avaliación de impacto ambiental, aplicación do principio de precaución e creación da Comisión Interministerial de Radiofrecuencias e Saúde.