Redacción •  Galicia •  28/09/2022

Ana Pontón: “Baixarlle os impostos aos máis ricos como fai o PP vai en contra do benestar social dos galegos e das galegas”

  • Fronte a un PP que goberna para unha minoría, o BNG é a alternativa para a maioría social de Galiza, esa que non ten patrimonios millonarios.
  • Define a Rueda como un “presidente de palla” que fai o que lle mandan desde Madrid con pelotazos fiscais de 34 M€ aos 7.700 máis ricos de Galiza.
  • A política fiscal do PP consiste en rebaixarlle 50€ ano ás persoas que ingresan 12.500€ e 4.415 € a quen ten un patrimonio superior a 1 M€.
  • 34 M€ son 700 médicxs en primaria, 900 profesores, a gratuidade los libros de texto, 12.000 axudas para aluguer, tarxeta básica para 55.000 familias.
Ana Pontón: “Baixarlle os impostos aos máis ricos como fai o PP vai en contra do benestar social dos galegos e das galegas”

A portavoz nacional, Ana Pontón, foi moi crítica co pelotazo fiscal anunciado por Rueda, que implica baixarlle 34 millóns de euros en impostos a 7.700 persoas que teñen patrimonios millonarios.

“Señor Rueda, sabe o que son 34 millóns de euros? Con 34 M€ podemos contratar 700 médicos e médicas para atención primaria, podemos contratar 900 profesores e profesoras, con 34 M€ as familias poden ter o alivio de non ter que pagar  os libros de texto, podemos conceder 12.000 axudas de aluguer e con 34 M€ podemos recuperar a tarxeta básica para a compra de alimentos e medicinas a 55.000 familias durante dous anos”, salientou Pontón, no “trucado” debate de orzamentos.

A política fiscal do PP de baixarlle impostos a quen máis ten “vai en contra dos intereses de Galiza”, denunciou,  porque defender Galiza “é poder ir ao centro de saúde sen ter que esperar días, é ter unha praza nunha residencia pública se a necesitas, ter acceso a unha vivenda digna ou ter servizos de conciliación. E todo isto se paga con impostos”. Por iso, argumentou Pontón, “cando lle baixa os impostos aos ricos está atacando o benestar dos galegos e das galegas”.

A líder do Bloque insistiu en que os impostos son a ferramenta imprescindible para ter unha sociedade máis xusta, con redistribución da riqueza e con servizos públicos de calidade, “e teñen que pagar máis impostos que máis ten, xusto o contrario do que fai o PP que até está en contra de subirlle impostos ás eléctricas”.

O pelotazo fiscal anunciado polo xefe do Executivo non só mostra a un PP que goberna para unha minoría, “senón que tamén demostra que vostede señor Rueda é un presidente de palla que fai o que lle ordenan desde Madrid, que actúa como recadeiro da Rúa Génova, poñendo os intereses do PP por diante de Galiza. Porque esta decisión non se tomou en Galiza, está decisión tomouse en Madrid na sede do PP sen importarlles un pito o que este País necesita”, denunciou.

A líder do Bloque tamén fixo un repaso dos anuncios en materia fiscal do presidente da Xunta, demostrando que detrás da propaganda dos titulares as cifras mostran que, unha vez máis, o PP volve baixar os impostos a quen máis ten.

Anuncios propagandísticos Vs. realidade

Neste sentido, a baixada do 9,4 ao 9% no tramo de IRPF implica que unha familia que ingresa 12.500 euros anuais aforra 50€ ao ano no imposto da renda. “Resumindo: Para as rendas más baixas a baixada é de 50€ ano, para os 7.700 que teñen máis dun millón de euros de patrimonio, a baixada é de 4.415 euros ao ano. Está é a política fiscal do PP”, denunciou Pontón.

En canto á equiparación das familias de dous fillos coas familias numerosas implica que lle van baixar o mesmo a unha familia de dous fillos que ingrese 20.000 euros ao ano, que a unha familia de dous fillos ou fillas que ingrese 100.000 euros ao ano, “incluso poden cobrar a axuda calquera deses 7.700 millonarios os que lle regala 34 M€ en impostos”.

No que respecta a deflación do IRPF, trátase, indicou a líder do Bloque, dunha corrección da inflación no imposto da renda, “supoño señor Rueda que entende a diferencia entre deflactar e baixar impostos”.

O PP, alegou, no ten nada que ofrecerlle ós galegos e ás galegas ante a crise e só deixan unha Galiza peor, como indican os datos: Atención primaria  colapsada, con 47 M€ menos que en 2009; cero residencias públicas de persoas maiores, a poboación activa caeu en 74.800 persoas e hai 50.200 ocupados menos. “O paro baixa na estatística, pero pola emigración masiva de xente moza”, subliñou.

A produción industrial caeu un 13%, “e foron incapaces de salvar nin unha soa industria en crise”, Galiza está por riba da media da inflación do estado, cun aumento  da pobreza e as desigualdades e deixan a maior débeda da historia de Galiza, 15.000 millóns de euros, mentres esnaquizan os servizos públicos e engordan os sector privado, afondou Pontón na radiografía do País con datos concretos.

Xestión ineficaz

Con cero documentación dos orzamentos de 2023 e a falta de coñecer a execución das contas deste exercicio, Pontón botou man dos datos de 2021. “Mentres as familias, sobre todo as mulleres, fan malabarismos para conciliar, o PP deixou sen investir 12,4 M€ do programa de conciliación laboral, o 85% do total.  Anuncian axudas para aluguer, mentres deixaron de investir 17 M€ na partida de acceso á vivenda, un 67% do total.

Ante a falta de alternativas dun presidente supeditado a Madrid, Pontón avanzou algunhas das propostas do Bloque, empezando por medidas para o rescate social como axudar ás familias con menos recursos, aumentar as pensións non contributivas, facer compatible a RISGA con IMV, subir as axudas para gastos básicos de vivenda e, por suposto, recuperar a tarxeta básica.

En materia fiscal, elevar un 10% o mínimo exento de IRPF, aumentar de cinco a oito o número de tramos do imposto da renda, para lograr unha distribución máis xusta e aumentar o imposto de patrimonio baixando o mínimo exento a 300.000 €, excluída a vivenda habitual. Subir impostos ás grandes fortunas e perseguir a fraude fiscal.

Igualmente, medidas par reforzar os servizos públicos, incrementando cun mínimo de 260 M€ o orzamento de atención primaria, plan de choque contra as listas de espera e contra a precariedade laboral e gratuidade dos libros de texto, así como incorporar mil docentes ao ensino en infantil, primaria e secundaria e a xestión 100% pública das sete residencias previstas nas cidades.

En materia enerxética, tarifa eléctrica galega para abaratar a factura da luz e poñer en marcha unha empresa de enerxía pública galega. No ámbito produtivo, destinar o 3% dos orzamentos a un pacto galego pola ciencia e a innovación e medidas para apoiar aos sectores produtivos.

“Este debate tamén está trucado nos tempos de intervención, pero incluso en dez minutos quedou claro que o PP goberna para unha minoría, mentres o BNG ten un proxecto de goberno para a maioría dos galegos e das galegas, esa inmensa maioría que non ten patrimonios millonarios”, concluíu Pontón.


BNG /