Redacción •  Galicia •  13/09/2026

BNG acusa ao PP de “traizoar a Galiza” por votar en contra da transferencia da AP-9 e exixe anular a prórroga ata 2048

“Seguimos pagando unhas peaxes abusivas por culpa do PP” advirte Luís Bará que asegura que o BNG seguirá loitando por conseguir a gratuidade.

BNG acusa ao PP de “traizoar a Galiza” por votar en contra da transferencia da AP-9 e exixe anular a prórroga ata 2048

Luís Bará, viceportavoz segundo do BNG no Parlamento, reclamoulle á Xunta poñer en marcha de inmediato os trámites necesarios para facer efectiva a transferencia da titularidade e das competencias da xestión da AP-9 a Galiza, aprobada polo Congreso o pasado 23 de xullo.

Bará denunciou que este logro se produciu a pesar do voto en contra do PP e Vox, cualificando de “bochornosa e vergoñenta” a posición do Partido Popular. “Vostedes seguen as ordes dos seus xefes en Madrid, traballan para o PP de Madrid e subordinan os intereses de Galiza aos do Partido Popular de Madrid” afirmou.

O deputado do BNG Luís Bará acusou o Partido Popular de “traizoar os galegos e as galegas” pola súa oposición á transferencia da AP-9 e reclamou avanzar na anulación da prórroga da concesión até 2048. O parlamentario denunciou que o PP foi quen “regalou unha prórroga á concesionaria para que se forrasen” e condenou a cidadanía galega a pagar “peaxes abusivas”.

Luís Bará salientou no pleno que a prórroga da concesión até 2048 foi declarada ilegal pola Comisión Europea e cuestionou que a AP-9 continúe sometida a peaxes mentres se liberaron arredor de mil quilómetros de autoestradas nos últimos anos.

O deputado denunciou que foi o PP quen “regalou unha prórroga á concesionaria para que se forrasen” e criticou agora o argumento económico empregado polo Partido Popular para opoñerse á anulación da concesión, ao falar dun suposto custo de 4.000 millóns de euros. Bará cualificou esta cifra de “contas do Gran Capitán” e lembrou que o propio PP chegou a falar no seu día de arredor de 1.500 millóns.

Fronte a este argumento, o deputado subliñou que a Lei de transferencia da AP-9 establece que as consecuencias das decisións adoptadas pola Administración do Estado con anterioridade ao traspaso corresponden á propia Administración estatal. “A indemnización que resulte da anulación desa concesión terá que ser pagada pola Administración Xeral do Estado”, defendeu Bará, que insistiu en que a prórroga até 2048 foi unha decisión do Estado e, polo tanto, non pode facerse recaer sobre Galiza o custo das súas consecuencias.

O deputado do BNG advertiu así, que “non veñan aquí a enruedar máis” e criticou que o PP pretenda utilizar o argumento económico para cuestionar unha transferencia que foi aprobada no Congreso

Bará reclamou así convocar a Comisión Mixta para facer efectivo o traspaso da AP-9 e insistiu en que a lei deixa claro quen debe asumir as consecuencias económicas das decisións tomadas antes da transferencia: “as decisións tomadas pola Administración do Estado con anterioridade ao traspaso” corresponden ao Estado. 

O parlamentario defendeu que, se se anula a prórroga da concesión, será a Administración Xeral do Estado quen deberá asumir a indemnización que corresponda á concesionaria. “Vostedes, unha vez máis, van votar en contra de Galiza. Vostedes van, unha vez máis, traizoar os galegos e as galegas”, denunciou Bará.

“Señoras e señores do PP, hoxe teñen unha oportunidade para rectificar. Voten a favor desta proposta e demostren por unha vez que poñen os intereses de Galiza por diante das ordes que lles mandan desde Madrid”, reclamou.

O deputado nacionalista concluíu que, malia os atrancos, as manobras do PP, e o voto en contra desta PNL do BNG, a transferencia da AP-9 “vai acabar por facerse realidade”. “O Bloque continuará ata conseguir que Galiza teña unha AP-9 galega e libre de peaxes”, concluíu.


BNG /